Santiago, 3 de febreiro de 2014.- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia alerta dun temporal de nivel vermello por vento en terra que afectará a partir do mediodía deste martes 4 de febreiro, á zona da Mariña de Lugo; onde poderán rexistrase refachos de ata 140 km/h.
Pola súa banda, a provincia da Coruña, o centro da de Lugo e a zona das Rías Baixas, en Pontevedra, permanecerá en alerta laranxa por vento do suroeste e oeste. Os refachos poderán superar os 90 km/h. no centro de Lugo; os 100 km/h. no suroeste e interior da Coruña e nas Rías Baixas; e os 110 km/h no noroeste e oeste da provincia da Coruña. No extremo norte desta última provincia poderán superarse os 130 km/h.
Supresión das clases na Mariña
Ante estes fenómenos meteorolóxicos adversos, a Comisión Escolar de Alertas determinou a suspensión de toda actividade docente, transporte escolar, actividades no exterior e extraescolares para mañá, día 4 de febreiro, nos centros educativos situados nos concellos das zonas de predición meteorolóxica da Mariña lucense.
Así mesmo, acordouse a suspensión das actividades no exterior dos centros educativos situados nos concellos das provincias da Coruña e Pontevedra, así como nas zonas de montaña de Lugo e Ourense e zona centro de Lugo, por mor do nivel de alerta laranxa. E se advirte do necesario seguemento ao longo do día das condicións climáticas por se nas localidades onde se sitúe cada centro cambiase o nivel de alerta cara a vermello, no caso do que se lles autorizaría a suspender a actividade docente.
Escolas Infantís e centros de días
Pola súa banda, nas escolas infantís da rede autonómica suspéndese a actividade, nos centros emprazados nas localidades de Ribadeo, Foz, Viveiro, Burela, Mondoñedo, O Valadouro e Alfoz. Tampouco haberá actividade nos centros de día para persoas con dependencia dos concellos mariñáns de Lourenzá, Ribadeo e Burela. Todos os centros residenciais para persoas maiores da Consellería de Traballo e Benestar continuarán coa súa actividade cotiá, agás no exterior.
No resto de centros da Consellería de Traballo e Benestar, emprazados fóra das localidades sinaladas, manterase a actividade, salvo no exterior, onde se suspende calquera tipo de actuación. Estarase alerta de cara ao que se dispoña desde o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia.
Alerta laranxa en todo o litoral
Así mesmo, manterase activa a alerta laranxa en todo o litoral galego por vento en mar e mar combinada. Segundo os datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a partir das 9,00 horas de mañá pódese acadar Forza 9 por vento do suroeste e ondas de ata 8 metros no litoral noroeste da provincia da Coruña. O temporal costeiro estenderase ao resto do litoral galego nas seguintes horas.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou das distintas alertas aos concellos afectados; ás Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.
Recomendacións á poboación
Tamén recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como permanecer alonxado de praias, rompentes, paseos marítimos, espigóns ou todas aquelas zonas susceptibles de seren afectadas por un golpe de mar. E igualmente, revisar os amarres das embarcacións antes da chegada do temporal, evitar realizar prácticas deportivas e náuticas.
Para as zonas en alerta por vento en terra, Emerxencias recomenda retirar todos os obxectos que poidan caer á rúa desde tellados, balcóns e fiestras, así como pechar e asegurar ben as portas, fiestras e persianas; camiñar preto das fachadas dos edificios; circular con precaución polas estradas e aparcar os vehículos en lugares protexidos do vento e ben inmobilizados; entre outras recomendacións.
Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.