Contra as 15.30 horas do sábado 1 de febreiro, as billardas brincaban polo ar no pavillón deportivo de Meira, a reverter de palanadores/as que agardaban mentres se facía o sorteo da VII xornada da LNB conferencia NorLeste. Fóra, os ceos, estranamente despexados, iban enchéndose de azulado algodón, presaxio dunha nevarada que non tardou en chegar.
Pola contra do que pasara en Castro, aquí sí que se agardaba una boa xornada en varados dada as características do esbaradizo chan, e así aconteceu; calquera marca anterior quedou amplamente superada nesta xornada cun total de trinta e seis varados. Santi foi o máximo anotador con catro seguido de Daniel e de Richar con cadan seus tres, logo dunha longa lista de palanadores con dous e un completaron a fazaña.
Aínda que os primeiros postos da clasificación pouco se viron modificados, sí que se apertaron aínda máis do que xa estaban, prometendo unhas emocionantes vindeiras xornadas. A loita polo campionato individual está totalmente aberta e con moitos pretendentes. Xa queda pouco marxe para o erro. Chega o intre de poñer cada quen todo o mellor de sí mesmo. Quen fraquee o máis mínimo queda fóra.
A xornada tamén moi favorable para as sorpresas, que as houbo, de xeito que tan so un xogador foi quen de rematar a xornada con pleno de vitorias. Conseguiuno Javi Morán de “Carabullo de Teixo” que se proclamou campión do aberto e merecedor do “lacón” que chegou acompañado dunha ristra de chourizos.
Para disputar o segundo e terceiro posto chegaron sete palanadores con oito puntos cada un: Coedo e Geni (Billardeiros Musicais), Dani Morán (Carabullo de Toxo), Pepe Outeiro (O Cadaval), Rubén (Cruzados), Santi (Carabullo de Teixo) e Toño (Ekipa Bítere). Logo de tres carreiras o resultado foi de Santi segundo e Coedo terceiro.
De mans de Pepe e Óscar, representantes de M de Meira, foron recibindo os agasallos correspondentes os vencedores da xornada: o xa mentado lacón, acompañado dunha ristra de chourizos, para o primeiro. O 2º e 3º calsificado levaron cadansúa empanada, uns chourizos e un vistoso calendario do 1º premio fotográfico M de Meira e para o mellor equipo da xornada o mesmo agasallo.
Por equipos, os gañadores do día foron os “Carabullo de Teixo” completando así o triplete. Mágoa que por un erro nas puntuacións, o premio que lles correspondía foi entregado a outro equipo e os xustos gañadores ben deitaron de Javi e de Santi para probar a rica empanada.
Unha inocente equivocación que rematou en anécdota da xornada e que demostra que a LNB está viva, é humana e comete erros. Billarda sempre! Adiante co Varal!
Así quedan as clasificacións:
Individual: Regueiro 55 p., Daniel 54 p.,Juan 53 p., Charli, Richar e Suso Coedo 52 p.
Equipos: Billardeiros Musicais 240 p., Carabullos de Teixo 198 p. e Troitas Bravas 183 p.
Varados: Santi 8, Regueiro 6, Daniel 5, Artai, Dani Moran e Richar 3.
Na 8ª xornada corresponde xogar o “V Trofeo da Tarta” será en Mondoñedo o 22 do corrente mes de febreiro.