O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, quixo dar respostas as críticas dos populares destacando que estes “insisten en mentir e difamar, que é o único que parece que saben facer”, destacando que “a oposición nunca tivo tantas facilidades para acceder e consultar toda a información da Deputación como as que ten agora o PP”. Martínez lembrou o feito de que foi o actual Goberno provincial o que redactou un regulamento orgánico “que foi aprobado no 2010 en Pleno por unanimidade”, para garantir a transparencia e facilitar o labor da oposición.
Martínez insistiu en que o PP “non pode dar leccións de nada e menos de transparencia”, xa que “o seu xeito de gobernar foi e segue sendo opaco. Esconde, tapa, móllanselles os papeis, pode que coa auga na que navegou o señor Feijóo con Marcial Dorado”, continuou o voceiro socialista e fixo fincapé no feito de que o Goberno de Feijóo só teña respostado 4 de cada 10 preguntas presentadas pola oposición. “O Partido Popular non está en disposición de acusar a ninguén de nada, e menos de falta de transparencia”, sentenciou.
Así mesmo, destacou que “nós levamos 16 anos agardando por documentación da Deputación do PP. Así é como facilitaban o labor da oposición”. Tamén lembrou que o equipo de Goberno provincial, presidido por José Ramón Gómez Besteiro, facilitou locais e equipos para que os representantes do Partido Popular na Deputación poidan “facer o seu traballo” e lembrou que “estes son recursos cos que nós non contabamos cando eles gobernaban”. Martínez ironizou destacando que “o que teñen que facer é traballar, que para iso cobran unha dedicación exclusiva e tres parciais que supoñen 152.949,82 euros ó ano”.
Manuel Martínez insistiu en que o actual Goberno provincial socialista cumpre “escrupulosamente coa Lei, como non podería ser doutro xeito”. Segundo destacou “esta é unha xestión que contrasta radicalmente coa que levou a cabo o Partido Popular durante máis de 24 anos á fronte da Deputación de Lugo”, citando a modo de exemplo facturas “nunca xutificadas” de viaxes de luxo a África –Johannesburgo, Namibia e Tanzania, cun custe de 20.000 euros-, viaxes en familia a Copenhague, Bolonia ou Malabo; cacerías ilegais; restaurantes en Miami; festas privadas en dependencias provinciais; flotas de coches de aluguer a plena disposición para vacacións ou facturas de teléfonos de domicilios particulares. Martínez insistiu en que “o PP pagou todas estas facturas con cartos públicos, saltándose por sistema todos os requisitos esixidos pola Lei de Contratos do Sector Público. De todas estas irregularidades aberrantes, que non se axustan a Dereito”, o Partido Popular nunca “soubo responder, nin puido xustificar, porque non teñen xustificación posible”.