A Mariña, 13 de decembro de 2013. Na comisión de sanidade celebrada hoxe no Parlamento Galego, diante das preguntas do parlamentario nacionalista Cosme Pombo, o Director Xeral do SERGAS, Félix Rubial, foi incapaz de poñer datas de referencia para a posta en funcionamento do anunciado servizo de quimioterapia no Hospital da Costa. Os nacionalistas lembráronlle ao director xeral a promesa feita polo propio SERGAS, e amplificada polo Partido Popular que de momento segue sen facerse efectiva, aínda habendo compromisos para a súa posta en funcionamento dentro do ano 2013.
Dende o BNG mariñao lamentaron a indefinición do Director Xeral do SERGAS, Félix Rubial, que ante preguntas do parlamentario nacionalista Cosme Pombo, foi incapaz de fixar datas de referencia para a posta en funcionamento do prometido servizo de quimioterapia no Hospital da Costa.
Os nacionalistas mariñaos volven denunciar que “o SERGAS e o PP seguen enganando e creando expectativas con falsas promesas que só buscan crear confusión entre a xente”, “consideran gravísimo que o fagan tamén nunha cuestión tan sensíbel como o tratamento do cancro, unha enfermidade grave que obriga a preto de 100 persoas da comarca a trasladarse, xunto coas súas familias, a facer penosos desprazamentos para recibir o tratamento que precisan fora da comarca”.
Para o BNG o Decreto de Xestión Integrada polo que a xestión sanitaria da comarca pasou a ser decidida dende Lugo, “non fixo mais que empeorar o servizo sanitario público na comarca”, e “as promesas da Xunta e o PP son falacias que unha e outra vez demostran xusto o contrario do que nos prometeron; recorte de recursos, afastamento da atención sanitaria dos e das usuarias e privatizacións”.