O concelleiro do Grupo Municipal Popular de Viveiro, Jaime de Olano, ven de presentar outra pregunta, para que sexa contestada no vindeiro Pleno, en relación á desaparición dunha importante cantidade de diñeiro do Servizo de Recadación Municipal no 2011.
Daquela o Xulgado de Instrucción número 1 abrira Dilixencias Xudiciais para investigar os feitos. Neste sentido, os populares critican que “preto de 3 anos despois non sabemos quen foi o responsable nin se foi reposta a cantidade, supostamente, subtraída”.
“Ante a gravidade do asunto”, supoñen que o Concello abriría un expediente de investigación, paralelo ao xudicial, do que agardan se informe ao Grupo Popular.
Deste xeito, interésanse polo estado no que se atopan as dilixencias xudiciais, se foi identificada a persoa ou persoas responsables e, no caso de ser aberto o expediente interno municipal, sobre o estado do mesmo.
De calquera xeito, preguntan se a Corporación Municipal tomou algunha medida para evitar que estes feitos se podan repetir no futuro.