CERVO, 20 DE FEBREIRO. Os socialistas de Cervo cren inauditas as últimas declaracións do señor, José Manuel Balseiro, en referencia á revitalización do comercio de proximidade, “como deputado autonómico confirma o seu compromiso de apoio e dinamización ás iniciativas que as entidades locais desenvolven en beneficio do comercio, iso sí, no Concello onde él mesmo é edil as subvencións deste tipo gastanse no repintado de pasos de peóns e sinais viarias”.
Lembran que a principios do pasado decembro xa denunciamos esta decisión do goberno do PP de Cervo, “é imposible aceptar como medida potenciadora do comercio, o repintado das marcas e liñas viarias. Non sabemos a quen pretenden enganar, pero iso, realmente, é aproveitar unha subvención para outro cometido moi distinto ó que supostamente tería que ir dirixida”.
Dende o PSOE de Cervo alégranse da noticia xa que o Concello se beneficiará duns 15.000 euros e comparten a idea de que “o noso comercio é importantísimo como elemento vertebrador da vila e constitúe un sector de relevancia para a reactivación económica e do emprego. Por iso, pedímoslle ó señor Balseiro e ó seu equipo que aproveiten este tipo de axudas para poñer en marcha accións ou medidas que axuden verdadeiramente ós nosos comerciantes”.
Por último, subliñan que “é unha magoa que a Xunta de Galicia non gaste máis esforzos en supervisar onde e cómo se invirten os cartos que se destinan a certos asuntos. Cremos que o repintado de pasos de peóns e sinais viarias non é o mellor proxecto para revitalizar o comercio cervense. Os 15.000 euros dos que falan estarían moito mellor gastados en campañas de sensibilización, aportacións á ACIA ou actividades que fomentasen a vida nos comercios e as propias compras”.