Vexámolo polo lado positivo: agora que temos na nosa man que aquilo que opinamos póidao saber todo o mundo (ou polo menos que poidan acceder ás nosas opinións), e polo tanto podemos aspirar a certa influencia, é cando máis presión habemos de soportar para que non podamos expresar as nosas dúbidas, queixas ou anhelos.
É moi fácil encherse a boca coa liberdade cando esa liberdade quedaba moi limitada ás barras de bar ou ao salón de casa. Agora o mundo nun inmenso salón, e a xente ten os seus criterios igual que sempre, pero agora todos podemos sabelos, e claro, aqueles a quen afectan poden saber o que deles e os seus actos pensamos. E en ocasións non lles fará graza, e a súa primeira reacción será amedrentar e intentar cortar a hemorraxia.
Obviamente, a contrapartida está en que temos que opinar mellor, con mais fundamentos e didactica, na medida do posible. Sabendo que podemos ter algo perigoso entre mans, e que non se sabe a onde pode chegar aquilo que lanzamos ao mar.
Usemos, pois, a nosa capacidade para calibrar como están as cousas, non desprecemos aquilo que temos, facilitemos que aqueles que non soportan a crítica aprendan a soportala, a amaestrar os oídos demasiado afeitos á adulación, contribuamos a que se mostren as facianas e caian as caretas. Porque vivimos un tempo en que están caendo esas caretas, e polo noso ben, aínda que só sexa para que non nos pille por sorpresa a ola que vén, é necesario que, cando chegue a hora, todos saibamos quen é quen.
O discurso habitual a pé de rúa sobre a política e os políticos é o de falar deles coma se fosen unha realidade allea, unha especie de cousa máis aló de nós. Non vou entrar nos absurdos tópicos do “todos son iguais” ou o “todo é política”. A reflexión que fago a miúdo é que eses políticos que tanto desprezamos e criticamos (nalgúns casos con toda a razón do mundo), saíron dalgún lugar, teñen as súas orixes e as súas historias. Imos, que non son entidades que aparecen por xeración espontánea. Do mesmo xeito que nós somos fillos do noso tempo e a nosa sociedade, e poñémoslle o noso punto de orixinalidade, eles tamén o son. Son representantes da sociedade nun sentido máis amplo que o político. Son portadores dos seus vicios, as súas obsesións, as súas virtudes. E claro que cada un debe poñer a sua parte persoal e intransferible, pero non nos enganemos, poida que o que tanto criticamos neles sexa o que en realidade portamos nós e non sexamos tan distintos.
Porque podese dar a grotesca paradoxa de que o que pon a caldo ao político corrupto de turno, estea levando a cabo, a outra escala e con outra repercusión, o mesmo esquema de comportamento do que abomina. Que se consegue con iso? Desprazar a culpa, demonizar a outro (que, nas súas formas e aparencias parece alleo, e sinalalo como o gran culpable dos males da sociedade. Coma se nós fósemos tamén distintos á sociedade e a eles. Deste xeito quedamos todos contentos e, na nosa autocomplacencia, seguiremos reproducindo esas condutas que, corrixidas e aumentadas pola lente do poder, parécennos deleznables, axudando a que sigan xurdindo novos “representantes”, a que o mecanismo siga e siga.
Otero Regal.