Cervo, 21 de febreiro de 2014-O edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto, lamentou “que o PSOE de Cervo critique cada proxecto, cada iniciativa e cada actividade que facemos en beneficio da veciñanza”. O concelleiro refírese ás críticas do grupo municipal socialista polo pintado das marcas viarias nos núcleos de Cervo e San Cibrao.
“Se o PSOE vai criticar cada vez que o Concello fai actuacións polos veciños, vai ter moito traballo”, engade Soto. Ao mesmo tempo, o responsable de Seguridade Cidadá defendeu que “toda actuación relacionada co estado das rúas, das infraestruturas e coa imaxe do municipio repercute positivamente no comercio local”. “Iso é algo que todo o mundo ten claro, menos os socialistas”, engade.
Soto lembra tamén que o pintado da sinalización horizontal tivo unha subvención da Xunta de Galicia. “Os técnicos da Xunta tamén consideraron que manter en bo estado as rúas e coidar a imaxe do municipio ten unha repercusión positiva no comercio”. “Ao mellor os socialistas cren que teñen máis coñecementos neste asunto que os propios técnicos”, remata.