Preto de 2000 mariñaos e mariñás toman as rúas de Burela contra as políticas privatizadoras do PP atendendo á chamada da Plataforma Sindical da Saúde, conformada por CIG, CCOO, UGT, C-SIF, CESM e OMEGA, para defender a sanidade pública, denunciar as políticas privatizadoras do Partido Popular e exixir que se preserve a gratuidade e o carácter público e universal do noso sistema sanitario.
Preto de 2000 persoas percorreron as principais rúas de Burela para denunciar o desmantelamento da sanidade pública e exixir outras políticas que preserven o seu carácter gratuíto e universal.
Estas mobilizacións son “a demostración do malestar que hai entre a cidadanía por mor das políticas do “Partido Popular” e constatan que as galegas e galegos “non imos consentir que se venda a sanidade pública para beneficio das súas empresas amigas, deixando a unha grande maioría da poboación sen máis prestacións que as básicas a medida que se poñan en marcha os procesos de privatización”.
Alertan os convocantes de que coas políticas de recorte e de privatización as empresas da sanidade privada atenderán aquelas patoloxías que máis beneficios lles garantan e derivarán á sanidade pública as máis custosas provocando maior demora na súa prestación”.
Isto terá como consecuencia unha prestación sanitaria de calidade para quen poida pagala e unha sanidade de beneficencia para quen non teña os recursos necesarios, que son a maioría das galegas e galegos.
Manifesto
Ao remate das mobilizacións deuse lectura a un manifesto no que se denuncia que coa chegada de Feijóo á Xunta, o Partido Popular iniciou unha campaña de recortes, desmantelamento e privatizacións da Sanidade Pública, pretendendo que a sanidade “sexa un privilexio, accesible a quen o poida costear a través dos repagos que tratan de impor. Ou acudindo á sanidade privada, adiantando os cartos que despois o SERGAS reintregará”.
Subliñaron que a sanidade é unha necesidade e un dereito e que “ante a enfermidade, precisamos duns servizos sanitarios que nos axuden a mellorar, a sobrelevar a debilidade que nos produce, a sandar”. Para garantir isto demandaron uns servizos sanitarios que atendan a todos e todas “por igual, sen discriminacións nin desigualdades”, o que entenden que só se garante cunha sanidade pública.
Lembraron que despois de múltiples manifestacións cidadás, este mércores houbo que saír novamente ás rúas porque “este goberno segue a facer oídos xordos ás nosas demandas en defensa da Sanidade Pública” e denunciaron que, desde hai un tempo estase a desmontar a Sanidade Pública e “xa non podemos acceder con equidade ao sistema sanitario, incrementáronse as desigualdades de acceso en función dos nosos ingresos, da zona onde vivamos”. Unha situación que consideran que se agrava e é máis agresiva coas persoas que teñen menos recursos.
Proclamaron que a Sanidade Pública é “patrimonio universal da cidadanía, lograda co esforzo de todos” e que por iso “non imos consentir que a privaticen, converténdoa nun nicho de negocio para empresas amigas, vendéndoa por pezas e ao mellor postor” e denunciaron que esa é a folla de ruta que teñen marcada para os servizos públicos, “eliminar a Sanidade Pública para poder facer negocio coa enfermidade das persoas”.
Lembraron as medidas máis salientábeis que afondan no desmantelamento da Sanidade Pública:
“Privatizacións Despois das privatizacións dos servizos non sanitarios, e de reiteradas promesas do Sr.Feijóo e da Conselleira de Sanidade, Sra.Mosquera, de que nunca ían privatizar a bata branca, agora privatizan as unidades de esterilización co argumento de que na empresa privada está a eficiencia e a eficacia e o coñecemento da alta tecnoloxía.
Non descansan no seu intento en desprestixiar os servizos públicos. A privatización das unidades de esterilización conta coa oposición frontal de todos/as as/os profesionais, pero aos privatizadores dálles igual. Non son capaces de presentar un informe técnico que avale a súa medida, porque non existe xustificación nin profesional, nin técnica, nin económica. O único obxectivo das empresas privadas é o lucro, non traballan para beneficio de ninguén máis que de si mesmas.
Implantación de copagamento nas prestacións sanitarias. Incrementando o sufrimento das persoas que non teñen recursos económicos para facerlles fronte, creando un imposto sobre a enfermidade. Fronte a esta situación a comisión de sabios do PP recomenda nun recente informe incrementar os repagos co argumento de que“a prestación gratuíta e xeneralizada dos servizos sanitarios non é o modo máis eficiente e xusto de actuar”. De que xustiza nos están a falar?
Peche de camas, recortes orzamentarios, taxas de reposición. Isto é o que impera na Sanidade Pública. Menos camas para ingresar os/as doentes, colapso dos servizos de urxencias. Condénase a/o doente a entrar nunha porta xiratoria entre o seu domicilio e o servizo de urxencias.Recórtase o diñeiro destinado á Sanidade Pública, destrúense postos de traballo, reducindo a presenza dos/as profesionais que fai inviable unha prestación de calidade, para logo remitir as/os doentes a centros privados.
E logo inda nos veñen con contos propagandísticos cando falan das listas de espera. As listas de espera son grandes e medran día a día, por causa dese peche de camas, pola mala xestión que se está a facer e tamén porque pensan que nos enganan mantendo persoas en listas de espera ocultas.
A Lei de Garantías é a expresión do fracaso das políticas sanitarias do PP.Intégrase nun mesmo nivel e nun mesmo sistema a Sanidade Pública e privada. Di o Sr.Feijóo que a prestación sanitaria recibida nun centro privado tamén é pública, xa que as/os doentes non pagan a maiores por esta asistencia.De futuro isto vai dificultar o desenvolvemento dos principios que deben presidir o sistema sanitario público.Nun informe da Comisión Europea, coñecido estes días, ponse en dúbida que a colaboración público-privada mellore a eficiencia na atención sanitaria. O que si se recolle neste informe é que resulta máis custosa (marxe de beneficios a maiores).
Implantación da obrigatoriedade de derivar os casos de accidentes de tráfico menos graves ás clínicas privadas, aumentando así o beneficio destas empresas a costa da nosa saúde e dos nosos petos.
Áreas de Xestión Integradas e Áreas de Servizos Compartidos, creadas co obxectivo de provocar un distanciamento do recurso sanitario ao respecto da poboación, con evidentes efectos disuasorios, e ruptura da equidade. Isto implica que, como exemplo, no sur galego un neno da comarca de Valdeorras tería que ser trasladado ata máis de 200 km de distancia para ser atendido por un cirurxián pediátrico.
E como inda non é suficiente, inda está enriba da mesa a proposta de Áreas de Xestión Clínica, que pretende trasladar ás persoas que traballan na Sanidade Pública, ás e aos profesionais, a responsabilidade de recortar, chantaxeándoos con incentivos ligados ao aforro”.
Neste contexto anunciaron que nin o persoal do SERGAS nin o conxunto da poboación galega “estamos dispostos/as a participar nese xogo, non cederemos á chantaxe”. Advertiron ademais que as e os mariñaos xa saíron á rúa a manifestarse no pasado, volveron saír á rúa hoxe e “seguiremos a manifestarnos e a loitar pola Sanidade Pública. As/os políticos son meros xestores transitorios dos servizos públicos, non teñen ningún dereito a privatizalos, negándonos o dereito a ter unha Sanidade Pública, universal e de calidade, que logramos o noso esforzo e que se financia cos nosos impostos”.






















Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Afectarán aos seguintes servizos: Piscina: pechada. Duchas dos vestiarios: pechadas. Ximnasio e actividades en seco: abertos no horario habitual. O Concello agradece a comprensión da cidadanía.
O presidente, José Luis Sáez, agradeceu o apoio da empresa, clave para reforzar os equipos nesta segunda volta e garantir a continuidade da entidade, que segue loitando pola permanencia en Primeira División Iberdrola e Segunda División.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.
As deputadas do PP lucense no Parlamento galego, Raquel Arias e Nicole Grueira, e a alcaldesa de Cervo, Dolores García, mantiveron na localidade un encontro con mulleres vinculadas ao sector do mar co obxectivo de visibilizar e poñer en valor o seu papel fundamental na economía mariñeira e na vida das vilas costeiras. A reunión serviu como espazo de diálogo e recoñecemento ao traballo que durante anos desenvolveron mariscadoras, redeiras e outras profesionais do sector. As populares manifestaron a súa defensa da igualdade e aseguraron que “sen as mulleres o sector do mar non se atende”.
Será na Explanada do Círculo Habanero, en carpa climatizada. Programa: 13:30: Sesión vermú con Dúo Puma. 14:30: Xantar (fabada, costela con patacas, sobremesa, café e bebida). Prezos: Socios 20 €. Non socios 30 €. Nenos 6–12: 15 €. Menores de 6 anos: gratis. Entradas: domingos 15 e 22 de marzo, de 11:30 a 13:30 no Local Social. Contacto: 682 06 57 07



