Barreiros, 14 de marzo de 2014. O alcalde, Alfonso Fuente, critica a actuación e a actitude do deputado socialista Alfredo Llano, que este xoves se achegou a este municipio a visitar un centro de ensino e un parque, sen ter convocado e avisado da súa presenza ao rexedor. Fuente Parga di que os socialistas deberían corrixir estas formas, coas que só amosan desprezo aos veciños e ás veciñas de Barreiros, representados no seu alcalde.
O rexedor asegurou quedar “un pouco sorprendido e asombrado, sobre todo pola actuación de Alfredo Llano, un home que foi alcalde do Concello de Burela durante catro anos, pero parece que agora ao estar na Deputación se esquece das formas democráticas”. Fuente Parga relatou que “Alfredo Llano veu facer unha visita ao colexio de San Miguel de Reinante, e segundo di a nota distribuída pola Deputación veu ver unhas obras, obras que non empezaron, e di que veu comprobar a instalación dunha pasarela. Nós agradecemos toda a colaboración da Deputación, pero me sorprende que viñera el acompañado de toda a comparsa socialista, cando o proxecto desa obra foi feito por técnicos municipais, a dirección de obra vaina levar o Concello e incluso o Concello colaborará na execución desa obra, e sen embargo o Concello non foi invitado a esa visita”.
O alcalde de Barreiros sinalou que “o Concello en calquera obra que se realiza nos colexios de San Miguel e San Cosme está a colaborar sempre, non só nas obras, senón en todo o que necesita un colexio e non por iso imos continuamente alí facer fotos”. Alfonso Fuente lamenta “o ocorrido onte e sobre todo que sexa Alfredo Llano, que é un home razoable co que teño unha certa amizade, que veña ao meu concello e que non sexan capaces de comunicarme a viaxe para acompañalo na visita, cando é o propio Concello o que fixo o proxecto, o que levará a dirección de obra e o que colaborará na mesma. De todos os xeitos a obra non está feita e ao que viñeron foi a facer unha foto propagandística”.
O rexedor engadiu que “logo foron tamén a visitar un parque na parroquia de San Miguel, un parque no que a Deputación colaborou coa asociación de veciños, e insisto agradecemos esa colaboración desde o Concello, pero tampouco hai que esquecer que a soleira de formigón sobre a que se montou ese parque foi feita polo persoal municipal e tamén os veciños asumiron parte do custe desa instalación. E tampouco para esta visita no mesmo concello de Barreiros foi convocado o alcalde nin ningún membro da Corporación barreirense”.
Alfonso Fuente pensa que “estas cousas deberían corrixilas. Insisto agradezo toda a colaboración que veña da Deputación de Lugo, pero as formas democráticas non se deben perder. Lle guste ou non á comparsa socialista no Concello de Barreiros de momento hai un alcalde que pertence a un partido político, pero é un alcalde que representa a todos os veciños e veciñas de Barreiros e o que se está é a desprezar a todos os veciños cando non se nos convida a participar, polo menos nesta visita. Paréceme moi ben que a Deputación comprobe que se realizan as obras, pero tamén se debe convidar ao Concello a que participe porque é posible que nesta visitas poidamos chegar a acordos para facer novos investimentos colaborando entre administracións, como debe de ser, e non unha guerra entre administracións e neste caso ademais poñendo unha administración ao servizo dun partido”. O rexedor dixo que “as administracións son administracións e non están ao servizo de ningún partido, están o servizo dos cidadáns, tanto dos que son dun partido coma dos que son de outro”.