Os recortes en prestacións, servizos, persoal, privatizacións e copagos, a ausencia de negociación cos sectores afectados e o deterioro na sanidade pública que isto ten provocado leva ás organizacións sindicais a convocar para o vindeiro mércores día 26 de marzo manifestacións e concentracións, máis unha vez, en todas as áreas sanitarias de Galiza.
Así o anunciaron CIG, CCOO, UGT, C-SIF, CESM e OMEGA e SAE e fan un chamamento a participar a todas/os profesionais da sanidade pública e á poboación no seu conxunto, en defensa da sanidade pública, gratuíta e universal.
“A sanidade pública é patrimonio de todos os galegos e galegas. O Partido Popular é un simple xestor transitorio e non ten dereito a vendela aos seus amigos. Exiximos que mude a súa política sanitaria que só ten servido para provocar un empeoramento da calidade asistencial, recortar os recursos e provocar sufrimento nas usuarias e usuarios”.
As organizacións sindicais levan meses pedindo un diálogo fluído, enviando escritos para que “esta administración cega e xorda tivese algunha sensibilidade” sen conseguir froito algún.
Ante iso e á vista de que no canto de frear esas políticas a administración o único que fixo foi “endurecelas aínda máis” aseguran que “non imos consentir que sigan incorporando repagos, como recomendan ese grupo de sabios, porque xa pagamos cos nosos impostos”.
Referíanse á recomendación recollida no documento que vén de presentar a comisión de expertos, no que se afirma que “a prestación gratuíta e xeneralizada de servizos esenciais como a Sanidade non é o modo máis eficiente nin xusto de actuar”. Unha recomendación ante a que alertaron de que camiñamos cara unha “sanidade menos nosa, menos pública, máis cara e con menos dereitos”.
Denuncian que malia os intentos de negociar para que se muden as políticas sanitarias a consellaría incrementou a súa contundencia. Como exemplos puxeron a comparecencia da conselleira de Sanidade en sede parlamentaria para explicar a privatización do servizo de esterilización, onde asegurou que a sanidade privada é máis eficiente que a pública ou a aprobación, no Consello da Xunta, do Decreto de Xestión Clínica, en pleno proceso de negociación. “Nuns anos teremos un sistema sanitario irrecoñecíbel”, aseguran.
As organizacións sindicais que conforman a Plataforma Sindical da Saúde, contrapuxeron ás afirmacións da conselleira o Informe Bloomberg, elaborado por unha axencia estadounidense co mesmo nome, no que se considera o sistema sanitario do estado español como o 5º máis eficiente do mundo e o informe da Comisión Europea no que se pon en cuestión a eficiencia da colaboración público-privada. Isto alén do que suporá para as xeracións futuras optar por este modelo de financiamento para a construción de novas infraestruturas como hospitais ou centros de saúde. “Verán hipotecados os orzamentos durante décadas para pagar as débedas derivadas deste sistema”.
Isto levounos a afirmar que a conselleira é un “troiano infeccioso” para o sistema sanitario e que coas súas políticas o PP o único que pretende é atender as presións dos lobbys da sanidade privada. De feito, aseguraron que para favorecer o sistema sanitario privado aprobouse a Lei de Garantías e o propio decreto de Xestión Clínica e advertiron de que camiñamos cara un modelo de sanidade para ricos e outro, de beneficencia, para pobres.
Por todo isto fixeron un chamamento a todas/os as/os profesionais do sistema sanitario e a toda a cidadanía a saír ás rúas de Galiza o mércores 26 de marzo para reclamar unha sanidade “pública, gratuíta e universal”.