Ribadeo, 25 de marzo de 2014. Dezanove empresas presentaron as súas ofertas para optar a construír a residencia de maiores de Ribadeo, segundo informou este martes o alcalde, Fernando Suárez. Agora terá que reunirse a mesa de contratación e será o pleno da Corporación Municipal o que determine qué empresa é a elixida. A infraestrutura está presupostada en máis de 2 millóns de euros.
O rexedor contou que “un total de 19 empresas presentaron oferta dentro do prazo que establecemos desde o Concello para a execución da residencia de maiores de Ribadeo. O prazo remataba onte e agora nos vindeiros días teremos que xuntarnos na mesa de contratación e finalmente o pleno da Corporación Municipal, dado que é o órgano contratante, terá que determinar en función das bases e dos criterios técnicos que obxectivamente aprobamos quen é a empresa adxudicataria desta importante obra”.
Suárez Barcia dixo que “canto antes se empece a construír moito mellor, dado que a finais deste ano hai unha cantidade económica moi importante que temos que ter xustificada diante da Deputación Provincial de Lugo”. O alcalde lembrou que “é a única institución, máis aló do Concello de Ribadeo, que se presta de maneira fundamental para colaborar na execución destas obras. A día de hoxe desde a Xunta de Galicia, naquela parte pequena que se comprometeu a aportar, non temos asinado convenio algún e o tempo vai pasando. Confío en que dentro de poucos días nos chamen para asinar o convenio preceptivo”.
Incendio en Covelas
Nas últimas hora rexistrouse un incendio nunha vivenda en Covelas. O rexedor explicou que “afortunadamente non se produciron danos persoais neste sinistro. Grazas á boa atención, rápida e profesional dos voluntarios de Protección Civil de Ribadeo, coma dos bombeiros do parque comarcal e da Garda Civil, todo foi resolto con celeridade. Ningún dos moradores da vivenda sufriron danos, máis aló do susto, en todo caso mentres non se produzan danos persoais os materiais pasan a un segundo plano”.