As organizacións convocantes no Hospital da Costa, CIG, CCOO, UGT, CSI-F, SAE lembran que unha elite económica e política está aproveitando a crise para facer o grande negocio privatizando a sanidade pública no seu propio beneficio. Utilizan a unha manda de persoeiros (conselleiros, directores xerais, xerentes,…) que actúan como cabalo de troia: promoven a fragmentación e a privatización do sistema sanitario público, destruíndo o sistema desde dentro. Feito ese traballo, pasan das administracións públicas aos consellos de administración, ás empresas adxudicatarias dos servizos xa privatizados, ou crean as súas propias empresas: falamos dos Lamela, dos Güemes, dos Lasquetti.
Na Galiza temos exemplos como o de Romay Beccaria, agora padroeiro da empresa de xestión privada “Fundación Renal Iñigo Alvarez de Toledo” e, no seu momento, ideólogo das privatizacións en Galiza (fundacións hospitalarias, medtec, etc.) xunto co Sr. Feijoo. Ou como a actual conselleira de sanidade: directora de Atención Primaria de Santiago, logo subdirectora xeral de asistencia sanitaria, despois ficha como alta directiva do grupo empresarial Nosa Terra (propietario dos hospitais POVISA de Vigo e a Esperanza de Santiago), volvendo logo a ocupar altos cargos na sanidade pública galega, primeiro como Xerente do SERGAS e agora conselleira. Moi posibelmente acertarán os que pensen que, cando deixe a consellería, volverá a ocupar altos cargos na empresa sanitaria privada.