O Burela FS Pescados Rubén B gozará dunha emocionante recta final en Terceira, navegando por unha zona alta da táboa cada vez máis apertada. A falta de catro xornadas e a dous puntos do liderado, o cadro de Iván Cao, ‘Lucas’, recibirá o correúdo Ribeira FS mañá en Vista Alegre (16.00 horas).
“O Ribeira FS é un bo equipo, con experiencia, e sempre me gustou moito; na primeira volta fíxonos moito dano, impoñéndose 7-2. Sorpréndeme a súa clasificación porque creo que a comezos de tempada era un dos candidatos para estar loitando polo título” reflexionaba Lucas sobre as calidades do rival, que chegará á Mariña como décimo clasificado (27 puntos) fronte aos 41 puntos dos laranxas, pelexando pola terceira praza.
O Burela FS chega á cita coas lesións xa coñecidas de Bruno de Nois e Antón Couto. Aínda que con poucos efectivos, o cadro laranxa amósase moi ilusionado, “xa que co paso das xornadas fomos pouco a pouco superando as expectativas de comezo de tempada e iso resulta moi gratificante e motivador” puntualizaba o técnico.