O Burela FS Pescados Rubén recibe este sábado, na 22ª xornada de Primeira RFEF, o FSF Rioja, sexto clasificado, na antesala do gran duelo polo liderado fronte ao Atlético de Madrid Navalcarnero, que tamén dispoñerá dun compromiso complicado, na visita á pista do UA Alicante, cuarto. O encontro entre galegas e rioxanas comezará ás 18.30 horas, en Vista Alegre.
Cun só punto entre madrileñas e mariñás, o cadro laranxa non se permite marxe de debilidade. “Non podemos permitirnos o luxo de baixar a motivación tanto pola entidade do rival coma por manter intactas as nosas opcións ao título. O importante é puntuar de tres en tres e seguir con opcións de alcanzar o liderado” explicaba tallante o adestrador do Burela FS, Quico Otero, en vésperas da cita coas diamantinas. “É un equipo que xoga con moito criterio, tacticamente bo, que está facendo máis puntos fóra ca na casa” advertía o técnico laranxa, destacando “un quintento moi bo, xogadoras que len ben o partido, calidade individual e algunha con pegada desde fóra da área”.
Para este sábado Quico Otero non poderá dispoñer das lesionadas Maite e Paula, coas que o técnico espera contar axiña. As rioxanas chegarán con todos os efectivos, coas molestias e sobrecargas típicas a estas alturas da tempada, segundo informou o seu adestrador, Álvaro Cordón.
Na primeira volta, as galegas impuxéronse por 0-4.
DEBRA España
Coincidindo co partido entre rioxanas e galegas, Vista Alegre volverá renderse á causa de DEBRA España, Asociación Piel de Mariposa, para demostrar o seu apoio ao colectivo abrindo a venda de pulseiras e bolboretas solidarias tanto no pavillón burelista como na Tenda Laranxa ata finais de tempada.
Mellor Equipo Feminino 2013
O CD Burela FS Pescados Rubén recibiu este xoves na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela o galardón como Mellor Equipo Feminino dentro dos Premios do Deporte Galego 2013, presididos polo titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e o secretario Xeral para o Deporte, Xosé Ramón Lete Lasa. O club laranxa recolleu o premio en mans de Cesarina Fanego, cofundadora da empresa patrocinadora Pescados Rubén, que acudiu ao acto xunto ao seu marido, Rubén Blanco; o presidente da entidade laranxa, Manuel Blanco; o vicepresidente, José Luis Sáez; e os directivos Alba Vila e Marcelino Luna; así como a capitá Lidia Mesías e o resto do equipo mariñán.