A PASTORIZA, 20 DE MARZO.- O candidato ás eleccións europeas –José Blanco- comprometeuse este xoves cos gandeiros e produtores da Terra Chá a levar á Eurocámara as modificacións plantexadas polo sector primario para que a reforma da Política Agraria Común (PAC) non sexa tan traumática para os perceptores destas axudas. Concretamente, e tendo en conta que aínda se está a tempo de introducir modificacións, xa que a Consellería e o Ministerio teñen de prazo para poder facelo ata o mes de agosto, solicitará que a reforma inclúa tres cuestións básicas que permitirán minimizar o forte impacto que terá a súa entrada en vigor. Son as seguintes: revisar o límite de axudas; primar as 25 primeiras hectáreas; e compensar a desaparición da cota láctea que se fará efectiva en 2015.
Neste senso, o deputado autonómico e secretario provincial –Juan Carlos González Santín- tamén pedirá, no Parlamento galego, que a administración autonómica “escoite as demandas dos afectados” e emprenda medidas urxentes para que, xunto co Goberno Central, se palíen as fortes perdas económicas que supón esta estratexia comunitaria, pois, só na Terra Chá, tal e como remarcou o secretario xeral de Unións Agrarias en Galicia –Roberto García-, os máis de 3.000 beneficiarios censados nesta comarca perderán este ano o 9% das axudas con dita reforma.
Ante o grave prexuízo que supón a normativa para Galicia, e a provincia de Lugo en particular, os socialistas defenderán en Bruxelas e na Cámara do Hórreo que se poña en marcha un modelo semellante ao implantado en países como Francia, onde estas axudas priman a gandeiría e a defensa dos produtores como un activo fundamental para a economía do país. Concretamente, o territorio galo prioriza as primeiras hectáreas para equilibrar as axudas que reciben as pequenas explotacións coas grandes, e dirixe os fondos comunitarios aos verdadeiros profesionais en activo. En Francia repártense case 70.000 millóns de euros entre 370.000 perceptores, mentras que en España son 47.000 millóns entre 900.000 perceptores.
Consecuencias da reforma
Os criterios de reparto de fondos da nova PAC, decididos por vez primeira entre o Estado e as Comunidades consolidan un modelo de dereitos históricos no que Galicia e, a provincia de Lugo, particularmente, saen notablemente prexudicadas; unha discriminación que se refire exclusivamente, ao primeiro piar, que outorga as chamadas axudas directas ás explotacións e que absorbe o 80% do orzamento co que contará España no período 2014-2020. Segundo este contexto, a Terra Chá, na que se atopa o 24,14% das explotacións da provincia beneficiarias destas axudas, será unha das comarcas da provincia que máis se verán afectadas por este recorte orzamentario.
O novo modelo de reparto da PAC tamén augura un horizonte negro para o sector lácteo. Os criterios acordados polo Goberno e as Comunidades duplicarán o risco de dumping no leite, con prácticas comerciais agresivas doutros países para gañar mercado. Por iso, o socialistas subliñan que os gandeiros de leite precisan moito máis que unha mellora de 30 millóns, a repartir en seis anos, para toda España, cos que a Conselleira de Medio Rural “se dá por satisfeita”. Deste xeito, consideran que está totalmente fóra de lugar “o triunfalismo” manifestado pola responsable do Goberno autonómico na defensa da negociación co Ministro de Agricultura, pois os fondos da PAC son un 13% inferiores aos do anterior exercicio, xa que España pasou de recibir 54.000 millóns de euros a 47.000 millóns. Neste reparto, os gandeiros e agricultores galegos, que representan o 16% do total do Estado, só van percibir o 3% da PAC.
A terceira mesa sectorial
Os socialistas adquiriron estes compromisos no marco da xornada “O futuro de Lugo na Política Agraria Común 2014-2020”, organizada pola executiva provincial, en colaboración con Unións Agrarias, para dar resposta ás múltiples dúbidas que teñen os gandeiros e produtores sobre a reforma da PAC na Terra Chá; comarca que concentra o 24,14% das explotacións da provincia beneficiarias destas axudas.
Por tanto, esta é a terceira mesa sectorial coa que a secretaría de Medio Rural, dirixida por Horacio Rouco, dá continuidade ao obxectivo de coñecer as fortalezas e debilidades dos principais sectores produtivos para deseñar un plan de traballo conxunto que permita impulsar a provincia socioeconomicamente. A primeira celebrouse na Montaña, no mes de xaneiro, e, a segunda, tan só un mes máis tarde, na Mariña.