Cervo, 20 de marzo de 2014- O Concello de Cervo deu a coñecer este xoves o proxecto de remodelación do campo de fútbol municipal da Veiga nun acto de presentación ao que acudiron o alcalde, Alfonso Villares, o edil de Deportes, Luis Guillén e outros edís do grupo de goberno, a directiva, adestradores e xogadores do Club Deportivo San Ciprián así como membros da directiva do S.D. Cervo Sargadelos, a S.D. Candelaria e o C.D. San Román.
Un proxecto que estará rematado este ano 2014 e que inclúe numerosas medidas de modernización e mellora que suporán unha remodelación, tanto do campo como da instalación deportiva en xeral, co obxectivo de “fomentar e apoiar o deporte de base ofrecendo unhas instalacións óptimas para a práctica do deporte, eficientes e de calidade”, explica Villares.
Herba artificial de última xeración
O Concello de Cervo pretende acometer unha importante reforma do campo de fútbol situado na Veiga, que inclúe actuacións estruturais, de equipamento e iluminación. Unha das medidas máis importantes é a substitución do céspede natural por un terreo de herba artificial de última xeración e alta calidade.
Para iso, a administración local elixiu os sistemas de céspede artificial máis actuais que contemplan a colocación de diversas capas de material, entre outros compoñentes: unha lámina impermeabilizante en polietileno de alta densidade; unha de aglomerado elástico, que á súa vez inclúe tres capas diferentes con tecidos de protección e caucho; e o céspede artificial para a superficie de xogo, de alta resistencia e tratamento anti UV, resistente ao calor e ás variacións climatolóxicas extremas.
Máis eficiente
O campo contará ademais cun sistema de drenaxe e regado eficiente con moitas vantaxes. Por unha banda, será máis respectuoso co medio ambiente, reducindo considerablemente o consumo de auga; e, pola outra, diminuirá notablemente os custos de mantemento, ademais de garantir de forma permanente un campo en boas condicións.
En concreto, a rede de drenaxe evitará que a auga da chuvia se acumule no campo e entorpeza o xogo. Pero ademais a auga será aproveitada e conducida cara un depósito con capacidade para 20.000 litros, que alimentará a rede de regado de maneira que se reutilizará a través dun circuíto pechado. O propio sistema para o regado tamén é eficiente xa que inclúe seis canóns de aspersión de longo alcance e de rotación lenta.
Mellores accesos
A mellora dos accesos é fundamental neste proxecto, xa que a entrada ao campo realizarase dende a estrada principal, a avenida Bellavista, e non pola parte traseira do campo como se facía ata o de agora. Desta maneira, o campo de fútbol e o pavillón da Veiga disporán dun acceso común, o cal consolidará a idea dun complexo deportivo unificado. Así, o acceso ao campo será máis fácil e cómodo.
Deporte, tamén de noite
A iluminación tamén será mellorada coa colocación de catro torres de luminarias con 5 proxectores de 2.000 w en cada unha. Unha intensidade necesaria para a práctica de fútbol de noite e que permitirá a actividade deportiva a calquera hora do día. Ao igual que o resto de equipamentos, a iluminación tamén se realizará a través dun sistema eficiente.
Investimento
O Concello de Cervo financiará este proxecto con fondos municipais e nel investirá 380.000 euros. Uns cartos que proveñen do remanente de tesourería e que, segundo establece a nova disposición adicional da Lei de Facendas Locais, só se poden destinar a investimentos financeiramente sostibles. Un superávit que é froito dunha boa xestión económica e financeira e da boa saúde das arcas públicas.
Outras medidas
De forma complementaria tamén se renovarán ou instalarán novos equipamentos, como é o caso das porterías, as redes ou as bandeirolas de córner. O pintado das marcas realizarase tanto para campo de fútbol 8 como de fútbol 11.
Moderno e de calidade
O campo de fútbol municipal converterase nun terreo de xogo moderno e único na Mariña, cos sistemas máis novidosos en instalacións deste tipo e con materiais da máxima calidade co obxectivo de que o campo “estea sempre en condicións óptimas para o xogo, que permitirá un uso intensivo en calquera circunstancia climatolóxica e en calquera momento do día”, destaca o rexedor. Villares asegura que esta remodelación é “unha forte aposta polo deporte de base e por fomentar o exercicio físico entre a poboación”. Da mesma maneira o campo de fútbol precisa un esforzo de mantemento mínimo e cuns custos moi reducidos, polo que o beneficio é dobre: “un campo que estará sempre en bo estado, e con menos gastos”.





















A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



