A véspera de San Xosé ten en Ferrol un tradicional e singular engado e brillantez, cun especial tinte romántico, pois arrodease dos elementos para que sexa así: a música, a nouturnidade e, no balcón, a moza belida. Na “Noite das Pepitas” grupos musicais- guitarras, laúdes, bandurrias e violíns- saen á rúa e rondan ás mozas da onomástica coas súas cancións, percorrido que remata diante do concello e alí celébrase o anual concurso de rondallas.Ferrol foi, de sempre, terra de músicos; e a existencia de bandas
militares non foi allea a tal realidade. Acaso algun lector lembre con nós, vellas orquestras daquela bisbarra e que hai arredor de medio século gozaron de sona: “Bellas-López”, “López Malde”, “Bellas-Farto”, “Saratoga”, “Copacabana”: “Beceiro”, “Lamas-La Piña”, “Los Players”, “Trébol”…A afección coral prodigouse en Ferrolterra, onde “Toxos e Frores”, decano dos coros galegos, nacía en 1915. O gusto por interpretar as tonadas de moda deriva á creación de colectivos que xurden cara ó Entroido e San Xosé; oitos dos cantores eran traballadores dos asteleiros e o nome de Xosefa abundaba entre as familias e as noivas. Os grupos de amigos, que se xuntaban en barberías e tabernas, terían ocasión de amosar o resultado das horas de ensaio, formando agrupacións para ofrecer as melodías ás mulleres amadas e, acaso sen sabelo, dar orixe a un espectáculo coral e musical da maior aceptación popular, que aínda hoxe esperta grande interese.Dende aquel fermoso vals de 1898, cuxo comenzo dí: “ Cuando la luz duerme / el céfiro calla./ Si de una rondalla / oyes el rumor,/ escúchala y deja/ que su amante trova/ lleve hasta tu alcoba los ecos de amor” á actualidade, son centos as cancións que, dun xeito romántico, cortés e nostálxico, cantan a fermosura e o engado da muller ferrolá: “ Al caer la noche, de su palio azul/ nacen mil estrellas: / la mas bella, tú..!/,Cual grácil paloma busca palomar, /vuela hacia tu alcoba, mi febril cantar./ En la madrugada de tu despertar/ abrirás los ojos, Pepita, y querrás soñar…!” Nosos parabéns para Xosefas, Pepas e Pepitas.
Suso Fernández.