Cervo, 19 de marzo de 2014. O BNG pídelle á concelleira de medio ambiente de Cervo que aclare en que data se vai poñer en funcionamento a rede de saneamento e estación depuradora de San Cibrao á vista de que “non hai mais que ir á hemeroteca para ver que este servizo leva anunciándose polo goberno local dende o ano 2001” e a súa finalización e posta en funcionamento xa foi anunciada nunha ocasión para finais de 2009 e noutra, o pasado 19 de xuño, para setembro do ano pasado. A fronte nacionalista insiste en que, con rede xeral nova ou sen ela, seguirá habendo zonas de San Cibrao que seguirán vertendo augas fecais sen control e directamente ao mar como é o caso do Porto de Arriba ou varias vivendas na zona da Fontiña que verten ao mar no Paseo da Cousa, un problema para o que o BNG pide solucións e non escusas de mal pagador.
O QUE FAI FALLA EN SAN CIBRAO É QUE O SERVIZO DE SANEAMENTO E DEPURACIÓN DE AUGAS RESIDUAIS FUNCIONE E NON NOVOS ANUNCIOS PARA SAÍR DO PASO
O BNG pediulle á concelleira delegada de medio ambiente do concello de Cervo “que deixe os anuncios e faga o seu traballo para a posta en marcha da EDAR e a rede de saneamento en San Cibrao de maneira inmediata”. Aseguran dende o BNG que “o goberno municipal leva facendo anuncios sobre o saneamento de San Cibrao dende 2001, e ultimamente coas obras a piques de rematar, foi anunciada a posta en funcionamento para finais de 2009 en xuño do ano pasado para antes de que rematara o verán”. Onte a mesma edil e o propio alcalde que aseguraban nos medios de comunicación o 19 de xuño pasado que o servizo entraría en funcionamento en setembro de 2013, volve anunciar nove meses despois que este ano será sen saber nin sequera cando.
PÍDENLLE Á CONCELLEIRA MENOS FOTOS E MAIS TRABALLO PARA EVITAR A VERGOÑA DE SEGUIR VENDO VERTIDOS RESIDUAIS AO MAR, TANTO NA MARXE DEREITA COMO ESQUERDA DA PENÍNSULA DE SAN CIBRAO
Aínda coa posta en funcionamento da nova rede xeral, á concelleira de medio ambiente quédalle moito traballo por facer aínda que parece que o problema non vai con ela xa que non contesta e sae con evasivas á problemática existente en zonas do Porto de Arriba ou A Fontiña que seguirán vertendo directamente ao mar sen depurar por non ter redes secundarias conectadas. Neste sentido os nacionalistas esíxenlle a Begoña Alonso “menos fotos e anuncios e mais traballo” porque “dela é a responsabilidade de que sigamos vendo vertidos de augas fecais ao mar, tanto na marxe dereita como esquerda da península de San Cibrao”.
A HISTORIA DUNHA INFRAESTRUTURA CHEA DE ATRASOS E ATRANCOS QUE LEVA 13 ANOS AGARDANDO A FACERSE REALIDADE
Os nacionalistas non pasan por alto a historia que rodea a obra da EDAR e redes de saneamento de San Cibrao: foi anunciada en 2001 polo Tte. Alcalde José Manuel Balseiro, co proxecto exposto ao público na Casa do Mar de San Cibrao en 2002, a aprobación unánime dunha moción do BNG en outubro de 2004 que instaba á execución da obra en 2005, con emendas aos orzamentos da Xunta de 2005 votadas en contra polo PP no Parlamento, a licitación da obra en xullo de 2005 polo goberno popular cando xa perderan as eleccións autonómicas mais sen dotación económica, e finalmente o inicio das obras en 2009 durante o goberno bipartito e despois de terse cambiado o proxecto inicial ate en dúas ocasións. Para o BNG, O PP non pode estar orgulloso da súa actuación neste asunto, “aínda que o que mellor fai o Grupo de Goberno encabezado por Villares é botar balóns fora, pero é evidente que si as obras foran acometidas cando se anunciaron en 2001, xa fai tempo que estarían rematadas”, concluíron.