Ribadeo, 10 de marzo de 2014. O BOP publica este luns o anuncio de licitación das obras de construción da residencia de maiores de Ribadeo, que suporán un investimento de máis de dous millóns de euros. Agora establécese un prazo de 13 días para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas, segundo deu a coñecer este mediodía o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor explicou que “seguimos dando pasos firmes, pasos definitivos na realidade desta residencia de maiores que se vai construír aquí, en Ribadeo. Digo isto porque no día de hoxe saíu publicado no Boletín Oficial da Provincia o anuncio de licitación das obras, que ascenden a 2.258.000 euros no que ten que ver co edificio en si, sen contar o contido, o mobiliario, etcétera”.
Fernando Suárez sinalou que “haberá agora 13 días naturais de prazo, que empezan a contar a partir de hoxe para que todas as empresas que cumpran cos requisitos que se esixen, tanto as clasificacións como as garantías, poidan concorrer a esta obra. Para iso teñen máis información e o proxecto á súa disposición no Concello para que o poidan examinar. Hai que recordar que o prazo de duración das obras son 24 meses, que se establece a priori; hai que depositar unha garantía provisional do 3 por cento, garantías definitivas do 10 por cento e ademais avais individualizados para a totalidade do importe das melloras”.
O alcalde de Ribadeo subliñou que “todas estas precaucións facémolas porque a finais deste ano ten que estar certificada unha parte moi importante de diñeiro para xustificar diante da Deputación Provincial de Lugo, que hai que recordar que de momento é a única institución, máis aló do Concello, que está poñendo diñeiro, dado que hai unha parte que a Xunta comprometeu pero aínda non ten asinado con nós. En todo caso entre a Deputación e o Concello, estamos subrogados nosoutros en asumir a parte que reste por poñer da Xunta. Confiemos en que o que nos dixeron sexa verdade e que nos chamen nos próximos días para asinar o correspondente convenio”.