Cervo, 13 de marzo de 2014- O físico e investigador Jorge Mira estará presente este sábado na XXIII Festa do Ourizo de San Cibrao. En concreto, Mira será o encargado de inaugurar as XIV Xornadas Técnicas sobre o Ourizo a partir das 12 horas na Prazoleta situada ao carón da Casa da Cultura.
A súa intervención marcará tamén o inicio desta festa de Interese Turístico Galego e será o preludio do espectáculo de cociña en vivo que ofrecerán os chefs estrela Michelín Xosé Cannas e Alberto González xunto á súa colaboradora Arantxa Costas.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, quixo agradecer ao catedrático da USC que aceptase o convite do Concello para inaugurar esta celebración gastronómica. Da mesma maneira, o rexedor asegurou confiar en que “Jorge Mira pase a ser un bo embaixador da nosa festa seguindo coa súa predisposición habitual por promocionar e divulgar o patrimonio galego alá onde vai”.
Ao mesmo tempo, cabe destacar a actuación da Coral de Ruada ás 19 horas na Casa da Cultura. Unha coral con case 100 anos de historia, fundada no 1918, que ten actuado na práctica totalidade das vilas e cidades galegas, nas máis importantes cidades españolas e portuguesas, e en países como Francia, Arxentina, Brasil, Uruguai, EEUU e Venezuela. Ademais, ten gravado varios discos e recibiu numerosos galardóns e distincións dende o comezo da súa traxectoria ata hoxe. Nestes momentos a coral Ruada de Ourense está composta por 44 voces mixtas e 7 instrumentistas baixo a dirección de Xoán Antón Vázquez Casas.