Santiago, 17 de marzo de 2014.- A prestación por fillo a cargo da Consellería de Traballo e Benestar poderá solicitarse desde este martes, segundo publica o Diario Oficial de Galicia (DOG). A axuda consiste nun pagamento único de 360 euros por cada un dos fillos menores de 3 anos.
Esta prestación diríxese a aquelas persoas que, con data do 1 de xaneiro deste ano, tiveran ao seu cargo fillos o fillas menores de tres anos (nacidos entre o 2 de xaneiro de 2011 e 1 de xaneiro de 2014), sempre que durante o ano 2012 non estivesen obrigados a presentar a declaración polo imposto sobre a renda, nin a presentasen de xeito voluntario.
No caso de fillos ou fillas adoptados ou acollidos entre o 31 de decembro de 2012 e o 31 de decembro de 2013, a prestación concederase durante os tres anos posteriores á data da resolución xudicial ou administrativa que a declare.
Para solicitar a axuda é necesario que os proxenitores teñan a súa residencia habitual en Galicia e que os nenos convivan coa persoa solicitante. A petición formalizarase no formulario normalizado que está dispoñible na sede electrónica da Xunta no enderezo https://sede.xunta.es.
O prazo de presentación das solicitudes será de corenta días naturais contados desde este martes. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica, si ben tamén se poden presentar en papel.
A resolución destas axudas, que o ano pasado beneficiaron a preto de 3.000 persoas, será nun prazo de seis meses desde o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. A Consellería de Traballo e Benestar adiantou este ano a convocatoria destas axudas, que noutros exercicios saía publicada no DOG a partir do mes de abril.
Esta medida forma parte do primeiro Plan de Dinamización Demográfica de Galicia que foi aprobado o ano pasado no Parlamento galego. Contén 69 medidas e, entre as máis novidosas, figura este ano o incremento dos incentivos fiscais. A dedución por nacemento ou adopción dun fillo elévase este exercicio de 300 a 360 euros. Outras axudas que inclúe este plan é a exención dos prezos públicos a partir do segundo fillo nas escolas infantís, a posta en marcha das casas-niño no rural ou o servizo de axuda no fogar á infancia.