O IES de Ribadeo, Dionisio Gamallo, aproveitou a soleada mañá deste xoves 20 de marzo, equinoccio de primavera, para facer medicións.
Tres grupos de alumnos voluntarios empregaron varias horas e os seus respectivos gnomon para obter o tamaño da sombra mínima a mediodía dun vástago vertical. A inclinación con que se veu Sol no momento de mínima sombra o día con igual duración da parte nocturna e diurna, coma este xoves, corresponde á nosa latitude. Así, a media dos resultados dos tres grupos de alumnos de 1º de bacharel apuntou a 43,28º, unha posición que na realidade está lixeiramente ó sur de Ribadeo.
Na mesma medición tamén se comprobou o desfase entre a hora legal e a hora solar, correspondendo este xoves ás 12.00, hora solar coa, 13.30 horas pasadas en hora legal, o que levou a lembrar o desfase horario de Galicia co actual sistema de horario legal a nivel do Estado.
O anterior non deixaría de ser máis ca unha curiosidade para mellorar os coñecementos dos alumnos se as medicións non foran confrontadas coas doutros catro centros, do case veciño IES Galileo Galilei de Navia, ós de Manilva (Málaga), Villaviciosa de Córdoba e Oliva de la Frontera (Badaxoz). A confrontación de datos entre os IES permite calcular o radio da Terra ou a súa circunferencia, o que se está a facer, obtendo cos datos xa tratados (faltan aínda datos de tratar) unha pequena desviación en relación á medida aceptada. O método seguido, usado por primeira vez por Eratóstenes, estúdase na teoría de ciencias, pero raramente se comproba.
A experiencia, coordinada polo profesor extremeño Jesús M. Carballar, aglutinou a preto de cen alumnos do conxunto dos centros, e terá difusión, entre outros lugares, por parte da ‘Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología’ (FECYT).
Estaba previsto que se continuara coa medición o día 21, corroborando e mellorando os datos do día anterior, pero a temperie da zona norte peninsular impediu facer as correspondentes medidas.