Dende a Comisión Executiva do PSOE de Burela queren facer público o seu “total apoio á manifestación convocada polos sindicatos sanitarios en defensa da Sanidade Pública que se vai levar a cabo este mércores 26 con saída de diante o Hospital da Costa ás 20.30 horas.
Así pois, aseguran que “imos participar activamente nesta manifestación para reclamar que se lle de marcha atrás ó decreto de xerencia única aprobado polo goberno do Partido Popular que fai que os mariñáns e os burelaos retrocedamos 30 anos nas nosas coberturas sanitarias. Os veciños e veciñas de Burela e da Mariña non imos a permitir que un Hospital que da cobertura a máis de 70.000 persoas quede un pouco máis que un ambulatorio debido á perda de servizos constante que está a sufrir polas decisións que o Sr. Feijóo e os seus secuaces toman en Santiago.
Así mesmo, pedimos que dunha vez por todas o que di o alcalde de Burela o seu equipo de “desgoberno” se poñan do lado dos seus veciños e veciñas e apoien esta reivindicación digna e lexítima que están a facer os seus veciños e veciñas e se deixen de posturas partidistas que agora estamos a padecer pola perda de servizos e de calidade asistencial no noso Hospital ó ter que depender de Lugo, tal e como xa teñen manifestado os médicos que nos atenden.
Chamamos a todos os veciños e veciñas de Burela e do resto da Mariña a que participen activamente nesta manifestación; xa que nos vai a vida nisto. A cousa máis importante desta vida é a saúde, e o Partido Popular está a xogar coa de todos e todas as cidadáns da Mariña sen importarlles o máis mínimo os prexuízos que isto supón para os veciños e veciñas.