A CIG vén desenrolando nas últimas semanas unha campaña de presentación da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para o crecemento económico e a creación de emprego, que consiste na explicación pública das medidas que contén a iniciativa e na recollida de sinaturas de apoio. Neste contexto, a central nacionalista desenvolveu asembleas de delegados/as, actos informativos en centros educativos e centros sociais e mobilizacións, ao tempo que levou a cabo recollida de sinaturas nas empresas e coa instalación de mesas na rúa sobre todo nos distintos mercados que hai na comarca.
Froito desta intensa campaña, e dado que as medidas recollidas na propia ILP contan co respaldo maioritario da sociedade, os obxectivos marcados para a nosa comarca en canto a recollida de sinaturas están sendo amplamente superados . En todo caso, a campaña aínda seguirá activa unhas semanas máis e seguirase ampliando en boa medida o número de sinaturas recollidas.
Neste contexto, e case como colofón a esta campaña, o secretario xeral, Suso Seixo, acompañado do secretario comarcal e do secretario de organización comarcal, Antonio Niño e Lois Neto respectivamente, visitarán este xoves, a planta mariñá onde terán un acto cos delegados da central sindical da propia Alcoa, así como das auxiliares e algún/ha outro/a delegado/a da zona. O acto, que se desenrolará no salón de actos do comité de empresa ás 12.00 da mañá incidirá na importancia da campaña e das medidas incluídas na ILP e do vital papel revitalizador da economía do país e do emprego que suporía a súa posta en marcha. Asimesmo aproveitarase a visita para coñecer de primeira man a situación do emprego e das súas actuais condicións na comarca.
Mocións nos plenos
Dentro tamén da da propia campaña da ILP a CIG informa que ven de rexistrar nos distintos concellos da Mariña , ao igual que no resto do país, unha moción para o seu tratamento nos distintos plenos municipais, na que, logo de explicar sucintamente o contido da ILP, se solicita o apoio das distintas corporacións municipais á propia ILP así como ao seu debate no Parlamento.