A Asociación Cultural mariñá “OS AVENTADOS” presentará este venres 14 de marzo en RegalXunqueira, Viveiro, a Festa dos Aventados que se celebrará en San Cibrao o 22 de marzo.
No acto de presentación participarán Pablo Mosquera, presidente do colectivo, Otero Regal, vicepresidente, e Abella, o secretario da mesma, para convocar os premios Árdelle o Eixo, Árdelle o carro, Toda unha vida e “A” de Calidade 2013.
Os socios deberán propoñer ás persoas que cren merecentes destes galardóns de carácter anual, para que sexa un xurado nomeado pola xunta directiva o que escolla os premiados cunha escultura de cerámica de Otero Regal sen ningunha outra gratificación económica.
O premio ÁRDELLE O EIXO é para aquela persoa, animal ou cousa do norte galego que se distinguiran pola súa labor social, política, artística, deportiva, industrial, medioambiental e de conservación do patrimonio; mentres que o premio ÁRDELLE O CARRO se dedica a aquela persoa, animal ou cousa do norte galego que se distinguira ó cabo do ano pola súa nefasta xestión no ámbito social, político, artístico, deportivo, industrial, medioambiental e de conservación do patrimonio.
En anos pasados foron premiados Díaz Pardo, Ramón Pernas, Jesús López (ex-alcalde de Xove), Carlos Novo Cal, Jesús Fernández, Restaurante Boavista, Restaurante O Asador ou Restaurante de Cordido, entre outros. E, no aspecto negativo, os premiados foron a masiva plantación de eucaliptos, os transfugas políticos, a destrucción do patrimonio histórico e monumental, o alcalde de Barreiros por permitir a destrucción urbanística do municipio ou Urdangarín, como símbolo de corrución, entre outros.
Fai tres anos creáronse tamén os premios A TODA UNHA VIDA, dedicados a unha persoa pola súa traxectoria profesional, social, vital e persoal; ademais do distintivo “A” (de Aventados) DE CALIDADE, que foi concedido a tres hoteleiros, hosteleiros e restauradores da Mariña de Lugo.