Cervo, 12 de marzo de 2014- O Concello de Cervo deu a coñecer este mércores os detalles do espectáculo de cociña en vivo que ofrecerán este sábado na XXIII Festa do Ourizo os cociñeiros estrela Michelín Xosé Cannas, do restaurante Pepe Vieira Camiño da Serpe, e Alberto González, do restaurante Silabario, xunto á súa colaboradora e cociñeira Arantxa Costas.
Un show cooking no que os chefs prepararán un total de seis tapas nas que utilizarán como elemento principal o ourizo, nalgúns casos cru e noutros cociñado, pero mesturándoo con ingredientes como o queixo, os chicharróns, o sésamo, a alga wakame ou unha auga de tomate que, combinados, darán lugar a pratos “espectaculares y vanguardistas”, tal e como explica a edil de Turismo, Begoña Alonso.
Unhas propostas nas que a presentación estará moi coidada, e será parte esencial do prato, con deseños artísticos e orixinais. Así, pratos moi vistoso e coloridos, “que entran por los ojos”.
Un espectáculo de cociña no que os asistentes poderán ver, paso a paso, o proceso de elaboración de cada prato coas explicacións dos cociñeiros. Pero ademais, poderán degustar cada unha das propostas culinarias, acompañadas dun viño. Uns pratos cos que os tres cociñeiros explotarán ao máximo o intenso sabor do ourizo e cos que darán boa mostra da versatilidade deste produto.
Estas seis tapas foron seleccionadas de entre os menús dos seus restaurantes, nos que a súa máxima é sacarlle o mellor partido aos produtos galegos. “La calidad de la materia prima es muy importante, y esto, unido a la originalidad de los cocineros, tendrá resultados sorprendentes” engade Alonso, que considera que esta é unha “oportunidad excepcional para degustar erizo preparado por chefs de alta cocina”.
Degustación en carpa e locais de hostalería
Da mesma maneira, os asistentes á XXIII Festa do Ourizo tamén poderán degustar as especialidades preparadas polos 12 locais de hostalería participantes ao longo de todo o día. Uns establecementos que cociñarán máis de 6.000 quilos de ourizo galego e que nas súas cartas ofrecerán multitude de pratos. Uns menús que tamén virán a demostrar as infinitas combinacións do ourizo.
Ademais, tamén existe a posibilidade de probalo cocido na carpa situada na Prazoleta, onde a Asociación Península da Paz ofrecerá degustacións.
“Ponemos a disposición del vecino y del visitante muchas formas de probar el erizo, todas ellas con un mismo objetivo: que vengan a San Ciprián y disfruten de este producto del mar” remata Alonso.