BURELA, 15 DE MARZO.- Os socialistas da Mariña concentráronse este sábado nas inmediacións do Hospital da Costa, onde amosaron o seu rexeitamento unánime ao desmantelamento que está a levar a cabo a Xunta de Galicia de dito centro sanitario, e que está a ser denunciado polos propios facultativos e outras entidades da comarca. Por este motivo, esixiron a recuperación da área de xestión sanitaria propia, e que se faga a ampliación real e efectiva no menor tempo posible.
A repulsa manifestada hoxe pola coordinadora comarcal –Mayra García-, deputados autonómicos e provinciais –José Ramón Val, Lara Méndez e Alfredo Llano-, voceiros do PSOE nos Concellos e secretarios xerais das agrupacións locais, dá continuidade ao acordo acadado este xoves na reunión que mantiveron en Viveiro, e na que anunciaron que, nos respectivos Plenos, pedirán o apoio do Partido Popular para que o Executivo autonómico “recapacite e dé marcha atrás, xa que, co novo modelo de xestión, o único que conseguirá é dar o tratamento erróneo aos mariñanos”.
Investimento e equipamento “tirado ao lixo”
Coa aprobación do Decreto 55/2013 polo Goberno de Feijóo, o Hospital pasará de ser autónomo a depender do HULA. Por iso, os socialistas coinciden co persoal médico en que esa perda de autonomía provocará que “o que vai ter a Mariña non é un Hospital senón un simple ambulatorio. É dicir, con este cambio, a Xunta de Galicia tira ao lixo o investimento realizado e un equipamento que cumpre todos os parámetros necesarios para contar coa área de xestión propia, que, ata o de agora, atendía a preto de 90.000 persoas”. A este respecto, subraian que “pasamos de ter os especialistas a poucos minutos a telos a máis de 100 quilómetros. A ninguén se lle escapa que isto supón un empeoramento da calidade de vida dos nosos cidadáns”.
Concretamente, as consecuencias da área de xestión integrada e de que o Hospital non teña partida orzamentaria propia son, segundo indicaron os socialistas, a perda de servizos asistencias, de calidade na atención sanitaria, de emprego, de capacidade resolutiva e, “o que aínda é máis sangrante”, o traslado de pacientes ao HULA ou a clínicas privadas co custe que isto supón para a Sanidade pública e para “os petos de todos nós. Era evidente que o fin deste modelo sanitario era a privatización deste servicio público, que é no que basa as políticas o Partido Popular: beneficiar a uns poucos en detrimento da maioría”, afirmaron.
“Non é unha actitude partidista”
Asimesmo, os representantes do PSOE na Mariña puntualizaron que a concentración “non é unha actitude partidista, pois non somos só os partidos políticos os que denunciamos esta situación, senón que é unha reivindicación dos dereitos de todas e todos os mariñáns. Por iso, dende o Partido Socialista demandamos unha resposta masiva de todas e todos os usuarios para a manifestación do día 26. Queremos unha Sanidade universal, gratuita e de calidade porque esta foi a herdanza que nos deixaron os Gobernos socialistas”.
Consideran que, esta situación que foi provocada unicamente polos políticos do Partido Popular, con representación na Xunta, na provincia e nos Concellos, demostra “o desprezo dos dirixentes do PP aos veciños da Mariña”.