Malos tempos para a lírica … e para a investigación. Unha investigación que é fundamental para un novo modelo produtivo post burbullas inmobiliaria e financeira, para unha estrutura económica diversificada, despois das desfeitas do sector da construción e dun sistema financeiro que tan só era un castelo no aire, moi endebedado e certamente eficiente … para roubar os aforros da cidadanía con participacións preferentes, débeda subordinada e outros produtos financeiros opacos e tóxicos.
A Xunta de Galicia está a destinar tan só un 0´6% do PIB galego á investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+I), mentres que os Estados máis avanzados socio-economicamente quintuplican esa porcentaxe. Velaí unha brecha tecnolóxica que se abre cada vez máis, condenando a Galicia a unha posición cada vez máis dependente do que outros inventan e patentan, consolidando a nosa perda de soberanía centifico-técnica.
Pasemos ao terreo estatal: as axudas do Ministerio de Educación ás institucións científicas universitarias baixaron de 2011 a 2013 un 46´6% como media. Esa foi tamén a diminución porcentual nese trienio desa achega á Universidade de Vigo, un 51% na Universidade de Compostela … e un 76% na Universidade de A Coruña!
Despois de repetir unha e outra vez na campaña electoral os actuais dirixentes (dos niveis nacionais e estatal) que o investimento en capital humano e máis en I+D+I deberían ser os sólidos piares do noso sistema produtivo, vemos como a súa práctica política é a contraria, como en tantos outros aspectos do programa co que se presentaron ás eleccións.
A realidade é que máis de 4.000 xoves de Galicia que remataron en 2013 os estudos universitarios abandonaron a nosa nación para conseguir unha ocupación en labores profesionais e científicas. Esta nova emigración, de persoas moi cualificadas, é a certificación do fracaso total no imprescindible proceso da creación dos postos de traballo, que permita á mocidade galega darlle pulo ao noso desenvolvemento económico, social e cultural.
Os fortísimos recortes que están a sufrir nos últimos anos o gasto público en ensino, sanidade, dependencia e outros servizos públicos non se deteñen, tampouco, á hora de aplicalos no investimento en I+D+I. Se cadra, algúns dirixentes, sen pensar no alto prezo que pagamos pola nosa alta dependencia tecnolóxica, está de acordo con aquela coñecida e desafortunada frase de Miguel de Unamuno: “Que inventen ellos”!
Manuel Roca Cendán.