A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, destacou que case un terzo dos concellos da provincia de Lugo (20 en total) participarán a través do programa Cultura no Camiño 2014 nunha ampla programación de espectáculos galegos entre o 15 de abril e o 30 de setembro deste ano. Esta iniciativa está impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Axencia Turismo de Galicia.
A delegada referiuse ao enfoque dinamizador que posúe este programa para as vilas xacobeas. Na súa opinión, Cultura no Camiño 2014 contribúe a complementar a actividade cultural durante a primavera e o verán, “unha época extraordinaria para coñecer Galicia, para redondear a estadía entre nós con ofertas culturais atractivas”.
Así mesmo, Arias subliñou “o carácter descentralizador desta iniciativa” na procura de compartir a oferta cultural galega co maior número de cidadáns posible. Neste caso, achégase ao público de concellos polos que discorren os diferentes camiños a Santiago e que, como explicou a delegada, “non adoitan formar parte dos circuítos habituais de distribución escénica e musical”.
“Con esta mesma prioridade –engadiu– búscase tamén impulsar a permanencia das programacións culturais máis alá dos períodos comúns, así como a variedade nas súas carteleiras tanto desde o punto de vista dos xéneros que abranguen como dos espectadores de todas as idades aos que se dirixen”.
Ampla aceptación
A proposta para participar neste programa de actividades, inserido na conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela, obtivo deste xeito unha importante aceptación por parte dos municipios lucenses, ao igual que sucedeu no resto da comunidade, na que un total de 86 concellos se sumaron á iniciativa.
De feito, como valorou Arias, a elevada cifra de concellos interesados na presente edición de Cultura no Camiño facilitou que se incrementase en seis concellos lucenses máis o número de destinos participantes con relación a anterior edición do programa, subindo de 14 a 20 o número de municipios participantes nesta provincia.
Así, vertébrase nun novo e extenso circuíto de distribución de producións escénicas e musicais galegas a programación neste eido na provincia, empregando para elo as distintas rutas xacobeas que a cruzan: Camiño Francés, Camiño de Inverno, Camiño Primitivo e Camiño do Norte.
Variedade de estilos
As localidades participantes acollerán concertos de diversos estilos, así como funcións de teatro, danza, narración oral, maxia e novo circo nun intenso calendario de actividades coordinado por Cultura e Educación, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), en colaboración con Turismo de Galicia como entidade encargada de organizar e executar a celebración xeral do Ano Franciscano.
Todos os espectáculos teñen que ser producidos e distribuídos por asociacións culturais, sociedades civís, mercantís ou empresarios individuais con sede na comunidade autónoma galega.
A programación concreta, que se dará a coñecer proximamente, resultará da suma das seleccións realizadas polos programadores locais a partir da oferta de espectáculos e concertos inscritos para este fin, procedemento actualmente en trámite.
Financiamento compartido
O financiamento deste programa realízase de xeito compartido entre a Xunta de Galicia e as administracións locais seguindo criterios de poboación. Así, para concellos de máis de 20.000 habitantes, a Consellería de Cultura e Turismo de Galicia achegarán o 40% dos importes dos cachés; en tanto que para os concellos de menos de 20.000 habitantes, a Administración autonómica asumirá a metade dos custos. Estas cantidades serán aboadas directamente a cada compañía ou grupo.
Os concellos participantes deberán programar un mínimo de tres actuacións, preferentemente en fins de semana e sempre fóra do horario escolar. Ademais, nas programacións deberán estar presentes polo menos dúas das cinco disciplinas ofertadas (teatro, circo, danza, música e maxia).