Cervo, 11 de marzo de 2014- O Concello de Cervo anunciou hoxe que este ano estará finalizado o proxecto de saneamento de Trasbar. Desta maneira, o burgo disporá dunha rede completa que dará servizo a toda a poboación. Un proxecto planificado en catro fases debido á extensión da rede.
En concreto, o Concello enviou á Deputación toda a documentación da cuarta e última fase do saneamento de Trasbar para que sexa incluído no Plan de Obras e Servizos 2014 e que prevé a instalación de 970 metros de canalizacións na zona de Casal de Faido.
Unhas obras que teñen un orzamento duns 33.300 euros, dos cales máis do 60%, é dicir, 21.300 euros, serán financiados polo Concello con fondos municipais. O resto asumirao a Deputación a través do Plan de Obras e Servizos, un plan que mantén o organismo provincial con todos os concellos lucenses.
O proxecto de saneamento de Trasbar iniciouse no 2011 coa primeira fase, que incluíu a construción dunha depuradora con capacidade para 200 habitantes e unha rede de 340 metros. Na segunda fase acometéronse 900 metros de canalizacións e a terceira fase, xa aprobada e contratada, vaise iniciar nas próximas semanas e inclúe a colocación de 820 metros de colectores na zona de Curral Grande. Unha rede que, xunto cos 970 metros previstos para a última fase, terá unha lonxitude de máis de 3 quilómetros e cubrirá as necesidades de todo o burgo.
Ao remate do proxecto, o Concello terá investido 90.000 euros, é dicir, máis da metade do orzamento total, de 168.000 euros, e o Goberno do Estado uns 27.000 euros; mentres, a Deputación terá achegado uns 51.000 euros.
Benestar e calidade de vida
A edil de Medio Ambiente asegura que a rede de abastecemento é un servizo “prioritario y para el Concello de Cervo es imprescindible invertir y dar pasos en este tipo de infraestructuras, que no se ven, que están bajo tierra, pero que hacen una función muy importante: dar calidad de vida y bienestar a nuestros vecinos”.