O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, copresidiron este xoves unha reunión ordinaria da xunta local de seguridade na que fixeron unha análise global da situación delincuencial no municipio.
Segundo os datos de denuncias formuladas no conxunto de 2013, a delincuencia rexistrou un descenso en Foz con respecto ao ano anterior, sendo máis reseñable a baixada dos delitos contra o patrimonio e contra a liberdade. Manténse, deste xeito, a tendencia á baixa iniciada no ano 2012.
Colaboración policial
Os membros da xunta de seguridade valoraron ademais o alto grao de eficacia acadado na resolución e esclarecemento dos delitos que se rexistran no municipio focense froito, segundo expresou o subdelegado do Goberno, da “estreita colaboración” existente entre os efectivos da Garda Civil e da Policía Local.
Ramón Carballo valorou ese traballo conxunto, e considerou que “debemos manter constantes os esforzos preventivos” sobre todo tipo de delincuencia así como “seguir traballando para o seu esclarecemento, que é algo fundamental”.
No encontro desta mañá asegurouse ademais que esa “colaboración plena” entre os dous corpos policiais se manterá durante os meses de verán, especialmente na zona dos areais e na celebración dos eventos festivos multitudinarios que acolle o municipio focense durante a época estival, para garantir así a seguridade de veciños e visitantes, e unha atención áxil e eficaz ante as posibles necesidades.
Plan Maior de Seguridade
Na xuntanza celebrada este xoves no Concello de Foz abordouse ademais, e entre outros, o plan Maior de Seguridade posto en marcha a nivel nacional polo Ministerio do Interior para previr e mellorar a seguridade das persoas maiores, como un dos sectores de poboación máis vulnerables.
Entre as medidas impulsadas no marco deste plan salientan as charlas informativas, impartidas por efectivos dos corpos policiais, nas que se informa aos maiores sobre os riscos que constitúen una maior ameaza para a súa seguridade.
No encontro participaron tamén, ademais do subdelegado e o alcalde, representantes da Garda Civil, o Subsector de Tráfico, a Policía Autonómica, a Policía Local e o concelleiro de Seguridade e Policía.