Ribadeo, 23 de abril de 2014. No pleno extraordinario celebrado na tarde-noite de onte no Concello ribadense foi aprobada a proposta da mesa de negociación de outorgarlle a construción da residencia de maiores á UTE Anllar. A empresa dispón de cinco días, a partires de que reciba a notificación correspondente, para presentar todos os avais esixidos nas bases do concurso. Suárez Barcia considera que é normal esixir esas garantías co obxectivo de evitar que ocorran cousas como as que pasaron hai uns meses co pavillón municipal. BNG, PSOE e UPRI votaron a favor desa adxudicación e o PP abstívose.
O rexedor sinalou que “neste importante pleno extraordinario que tivemos na noite de onte a Corporación Municipal por unha amplísima maioría, cos votos a favor do BNG, do PSOE e de UPRI e coa abstención do Partido Popular, adxudicamos inicialmente esta obra tan soñada e tan querida por todos os veciños e veciñas deste concello á segunda das propostas que había. Hai que ter en conta que a primeira e a segunda entraban en causa legal de procedemento anormal ou desproporcionado, de aí que lles déramos dende a mesa de contratación audiencia para que puideran motivar esas baixas que entendíamos que podían ser desproporcionadas. Unha delas aportou de maneira xustificada a súa motivación e outra, a criterio sempre dos técnicos que informan todo este procedemento, non aportou convenientemente o porque de todas esas baixas. De aí que a primeira fóra excluída e a proposta é para a segunda”.
Suárez Barcia dixo que “polo tanto agora, unha vez que reciban a notificación, terán un prazo duns días para aportar todos os avais, que son unha cantidade moi importante de diñeiro dado que ten ser un aval correspondente ao 10 por cento da oferta de licitación e ademais outra serie de avais pola totalidade das melloras que se comprometeron a facer. É normal que a administración municipal esixa garantías para evitar ter circunstancias desagradables como as que tivemos que vivir no pasado pola execución da obra do pavillón, que ao final a empresa inicial acabou entrando en suspensión de pagamentos e tivemos que parar as obras durante uns meses. Polo tanto é normal que tomemos tantas precaucións”.
O alcalde ribadense subliñou que “tanto os membros da mesa de contratación (técnicos e políticos) como o pleno, como representantes dos veciños, non nos apartamos para nada dos informes técnicos que nos indican que a oferta mellor para o Concello é esta da UTE Anllar e polo tanto o pleno da Corporación establece que será esa, se cumpre a cuestións dos avais, a empresa que faga a residencia de maiores de Ribadeo”.
Críticas á Xunta
Fernando Suárez lembrou que “debemos ter a finais deste ano unha cantidade de diñeiro moi importante certificada, feita, para poder cumprir os compromisos que temos asinados coa Deputación Provincial de Lugo, que a día de hoxe é a única entidade máis aló do Concello que nos está axudando aportando practicamente tres cuartas partes do custe da residencia, dado que o outra parte, a da Xunta de Galicia, están cun xogo do escondedoiro e poñendo pedras no camiño día a día”. O rexedor engadiu que “a xustificación que nos pediron resolverémola nos próximos días, pero en todo caso penso que se están portando moi mal con Ribadeo coas súas actitudes. E non o digo eu só, pois chégao a dicir ata o portavoz do seu partido en Ribadeo. Ou sexa que eles verán o que están facendo e porque tratan a Ribadeo dunha maneira diferente a outros concellos próximos e por que con Ribadeo, coa cantidade parca e pequena que estaban dispostos a dar, teñen tantos remilgos e por que nos poñen tantas pedras no camiño cando eles saben que é moi inxusto, incluso ata o punto de expedientar laboralmente á persoa que nos chegou a facer o informe de viabilidade, tal e como nos requerían”.






















A proposta combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos. As entradas, cun prezo de 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes do inicio. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
Estes servizos sumaranse aos que xa permanecen abertos habitualmente, como os do parque Pernas Peón. O Día das Tortillas, que se celebra o domingo anterior ao Domingo de Ramos, reúne cada ano a veciños e visitantes en varios espazos do municipio. Con esta medida, o Concello busca facilitar o desfrute da xornada e mellorar a comodidade das persoas asistentes. Desde o Concello de Viveiro lémbrase tamén a importancia de facer un uso responsable das instalacións públicas, de manter limpos os espazos naturais e de respectar as n
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Ambas destacaron o impacto cultural do evento deste sábado en Lugo. A gala, presentada por Trisha Fernández e Federico Pérez, contará con actuacións de Xabier Díaz, Adufeiras de Salitre e Mondra.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
A actividade conta coa colaboración do Concello.



