Lugo, 29 de abril de 2014.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, participou este martes na apertura dunha xornada técnica destinada a informar dos diferentes servizos e instrumentos de apoio e asesoramento que permite a Unidade Galicia Emprende.
Arias incidiu en sinalar que ningún proxecto viable debe quedar sin financiación, para o que a Xunta pon en marcha iniciativas que favorecen que o emprendedor “se centre de cheo en madurar a súa idea de negocio, o seu produto ou o seu servizo, garantindo que se é viable se materialice”.
Durante a súa intervención a Delegada animou a tódolos presentes a formarse para emprender, tendo perseverancia para superar os posibles fracasos iniciais “É fundamental transmitir a mensaxe, aos futuros emprendedores, de que moitos modelos de éxito xorden logo dalgún fracaso”.
Durante a xornada técnica, organizada pola Consellería de Economía e Industria en colaboración con AJE Lugo, explicáronse as distintas posibilidades que achega a devandita unidade impulsada pola Xunta “para facilitar a posta en marcha de novos proxectos ou o desenvolvemento e a consolidación de novas iniciativas empresariais” que sexan unha panca para a recuperación económica.
Arias recordou a recente entrada en vigor da Lei do Emprendemento, chamada a xerar un marco favorable para a creación e a consolidación de novas empresas, para aproveitar ao máximo o talento do capital humano de Galicia; unha norma que se concibe, segundo salientou a delegada territorial, “para dar máis facilidades e achegar máis financiamento ás persoas que decidan converter unha idea nun proxecto empresarial”.
A representante do Executivo galego lembrou a activación da Unidade Galicia Emprende como “un instrumento de especial valor para achegar a cada proxecto os servizos e os apoios que poden serlle de maior utilidade”, e informou das diferentes convocatorias abertas de apoio financeiro a emprendedores. Entre elas, destacou o programa Galicia Emprende, disposto para conceder axudas que poden cubrir ata o 50% dos proxectos con investimentos comprendidos entre os 35.000 e os 500.000 euros.
O prazo para a presentación de solicitudes permanece aberto todo este mes, ata o día de mañá, e os proxectos de investimento en Lugo poden acadar maiores apoios ao abeiro do Impulsa Lugo. O programa compleméntase, entre outros instrumentos, cos fondos de capital risco preparados para apoiar proxectos de novos emprendedores ou proxectos con especiais compoñentes innovadores.
A delegada territorial aludiu á renovación demográfica como o principal reto da próxima década, “hai que favorecer un novo modelo de desenvolvemento territorial que garanta unha renovación demográfica. Este desenvolvemento debe estar baseado na sostibilidade, na diversificación, no aproveitamento dos recursos e capacidades endóxenas, e, sobre todo, na innovación” apuntou.
Na xornada Galicia Emprende desenvolvida esta mañá na sede do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) en Lugo participaron un grupo de 30 emprendedores da provincia, así como 60 alumnos do ciclo de Marketing e Publicidade do CIFP As Mercedes, acompañados por profesorado do devandito ciclo.