A Mariña, 29 de abril de 2014. O Bloque Nacionalista Galego fai un chamamento á mobilización social para que a manifestación do 1º de Maio convocada pola CIG baixo o lema “Contra a explotación e a pobreza. Fagámoslle fronte á Unión Europea. Organización, loita e soberanía” sexa a demostración de que as mulleres e homes desta comarca apostan por outras políticas para saír da crise que non sigan empobrecendo ás maiorías sociais. A publicación dos datos da EPA deste trimestre certifican que Galiza ponse á cabeza do estado na destrución de emprego con case 297.000 persoas e o maior incremento interanual xunto coas illas Baleares.
“Na nosa comarca levamos anos sufrindo as políticas dos gobernos galego e español que o único que conseguen son o aumento do número de persoas desempregadas e o peche de cada vez máis empresas”, aseguran desde o BNG. “O peche e os continuos ERE’s en empresas emblemáticas da comarca como Muebles Hermida, Contrucciones Mon, Gres Burela, Ecar ou a máis recente Sargadelos, son mostra de que as políticas postas en marcha primeiro polo PSOE e agora polo PP non fan máis que empeorar a situación laboral da xente e seguir destruíndo emprego e rebaixando a calidade do existente.”
Os datos publicados este martes pola EPA reflicten a necesidade de mobilizarse social e electoralmente contra as políticas da austeridade impostas pola Troika e seguidas fielmente polo Partido Popular. Para o BNG non queda outra que rebelarse contra este modelo económico á vista da constante sangría do desemprego que neste trimestre, segundo estes datos, sitúan a Galiza á cabeza do estado na destrución de emprego con case 297.000 persoas desempregadas, 16.000 mais que no trimestre anterior e 9.100 mais na comparación interanual. O BNG insiste na sangría que se está producindo na comarca mariñá onde, nos últimos anos, máis de 3.000 mozas e mozos foron expulsados fóra en busca de oportunidades e emprego que na nosa comarca non atopan.
Fronte a isto, o BNG aposta por “pór en marcha políticas activas de emprego, que poñan en valor todos os recursos que ten a comarca e que freen o desmantelamento industrial de A Mariña e, sobre todo, que eviten que a xente siga marchando para buscar a vida fóra da súa terra.”
Por iso, os nacionalistas insisten en que “é preciso liberarse das políticas chamadas de austeridade, impostas pola UE e aplicadas polos gobernos estatal e galego, que impiden que a economía galega e mariñá se reactive e permita crear emprego. É preciso poder ser donos dos nosos sectores produtivos: agro, pesca, naval… e poñer o País a producir, sen máis intereses que os das galegas e os galegos que temos dereito a traballar e vivir na nosa Terra.”
A formación nacionalista convida ás mulleres e homes da comarca de A Mariña a acompañalos na manifestación convocada pola CIG para o vindeiro xoves, 1 de maio, ás 12:30h, que partirá de diante da fábrica de Sargadelos, a modo de apoio simbólico ás súas empregadas tras os últimos despedimentos da empresa.