Lugo, 29 de abril de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular logra que, durante a sesión plenaria celebrada este martes, o Pleno da Corporación da Deputación Provincial aprobase unha proposta dacordo conxunta coa que se busca enriquecer o contido do actual anteproxecto da Lei Orgánica do Poder Xudicial.
Os populares, que non entendían que nunha mesma sesión plenaria se debatesen por separado dúas propostas sobre o mesmo tema e cunha orientación común; avogou por promover un consenso con socialistas e nacionalista e chegar a unha proposta que lonxe de tintes políticos busca “defender os intereses da provincia, xa que os lucenses pídennos que en asuntos importantes fagamos forza unidos”.
Lonxe de liortas políticas, os populares apostaron por un achegamento co presidente provincial, para chegar a un consenso e partindo da base de que a reforma da Xustiza é necesaria, -xa fora exposta a súa necesidade polo anterior ministro Caamaño- pero atendendo sempre aos intereses da provincia.
A necesidade de que a reforma xudicial teña en conta as demandas dos lucenses e garanta os seus dereitos; levou ao GPP a adiantarse ao equipo de goberno no rexistro dunha moción na que reivindicaba que se mantivera a actividade xudicial en todas as sedes existentes na provincia; e agora, a maiores, promoveu un acordo conxunto que se traslade a Madrid para enriquecer o actual texto.
Mantemento da actividade nas nove sedes lucenses
O acordo da Deputación Provincial de Lugo sobre o anteproxecto da Lei Orgánica do Poder Xudicial reincide nun dos seus puntos na necesidade de que se garanta o mantemento da actividade xudicial nas nove sedes existentes na provincia (Mondoñedo, Chantada, Lugo, Vilalba, Monforte de Lemos, Viveiro, Sarria, Fonsagrada e Becerreá).
Os populares son conscientes das demandas dos veciños e das repercusión económica que implica a existencia e continuidade das sedes xudiciais onde radican, polo que que procuraron a inclusión deste punto na proposta dacordo tal e como recollía a moción popular e deste xeito trasladala ao Goberno central, co obxecto de contribuír a enriquecer o contido deste anteproxecto que, neste momento, atópase nunha fase complemente inicial, aberto a melloras.
Propostas do sector
Os populares ademais de insistir no mantemento da actividades nas sedes xudiciais, tamén reinvindicaron que no trámite parlamentario este Anteproxecto se converta nunha reforma que recolla as propostas do sector. De feito, no acordo aprobado hoxe na Deputación de Lugo inclúese que se acometa unha racionalización da xustiza elaborada de forma consensuada cos profesionais, organizacións e colectivos sociais de ámbito xurídico.
Na defensa da tutela xudicial efectiva dos cidadáns
O envecellecemento da poboación, a dispersión xeográfica e outros condicionantes orográficos son aspectos obxectivos que “se deben ter en conta nesta reforma e deben ser, polo tanto, motivacións para a mellora deste proxecto, que está na súa fase inicial”.
“É indudable que a Xustiza necesita dunha reforma, e non só o di o actual ministro, tamén o dixo o anterior, Caamaño, que no seu plan para a Modernización da Xustiza 2009-2012 contemplaba a modificación do ámbito territorial dos partidos xudiciais a través da concentración dos recursos persoais e materiais para o seu mellor aproveitamento”; matizaron os populares.
Porén, dende o GPP defenden que o texto final teña o máximo consenso posible e de aí manifestou hoxe a necesidade de coordinar unha proposta conxunta que defendera os intereses dos lucenses.