Lugo, 27 de maio de 2014. A Deputación de Lugo, logo do pleno celebrado este martes e a instancias dunha proposta do grupo de goberno que se aprobou cos votos a favor dos dous socios de goberno e cos votos en contra do PP, instará á Xunta de Galiza a cumprir coa Lei 10/2013, de 27 de novembro, de Inclusión Social de Galiza que, no seu artigo 37, recolle como prazo para a resolución dunha solicitude de Renda de Integración Social de Galiza (RISGA), dous meses.
Neste sentido, Antonio Veiga alertou de que “son varios os concellos e moitas as persoas que denunciaron máis de sete ou oito meses de retrasos e incumprimentos nas tramitacións deste tipo de axudas, que se enmarcan no incumprimento da Lei de Inclusión de Galiza, que di que ‘Unha vez finalizada a instrución do expediente, o órgano competente de ámbito provincial da Administración autonómica elaborará a correspondente proposta de resolución e ditará a resolución, que deberá ser notificada no prazo de dous meses desde a entrada da solicitude da RISGA en calquera dos rexistros do órgano competente para resolver’.
Nun recente informe de Cáritas española, reflíctense uns datos de pobreza que ofrecen un panorama desolador, sobre todo na Galiza. O informe sinala que na Galiza a pobreza infantil pasou dun 16,9% en 2007 a un 22,2% en 2012. Asemade, indica que 30.000 fogares non reciben ningún tipo de ingresos, e son xa unhas 465.000 persoas as que viven na Galiza baixo o limiar da pobreza.
Asemade, o último informe emitido polo Valedor do Pobo ao Parlamento galego recolle neste último ano un aumento nas solicitudes de axudas sociais ante situacións de necesidade, como son as Rendas de Integración Social de Galicia ou as Axudas de Emerxencia Social, así como un incremento no número de queixas en relación con elas, sobre todo por denegacións que se consideraban inxustificadas ou por atrasos nas resolucións deses procedementos, que pola súa proia natureza deben resolverse con urxencia.
Con estes datos na man, Veiga achaca o incremento significativo das persoas en risco de exclusión social ás erráticas políticas económicas aplicadas durante todo este período de crise, unhas políticas que, segundo o nacionalista, “converten en papel mollado os propagandísticos anuncios da Xunta relativos ao incremento da dotación na RISGA para este 2014, de apenas 7 millóns de euros, cando para o pagamento da débeda se consignaron sete veces máis, uns 53 millóns de euros, e demostran a necesidade de achegar máis fondos públicos para que as solicitudes se resolveren en prazo e para non incorrer en demoras inxustificábeis”.
Así mesmo, a institución provincial tamén esixirá á Xunta de Galiza que se incremente a dotación de fondos no programa da RISGA ante o importante incremento de persoas en situación de exclusión social. Neste sentido, Antonio Veiga recordoulle ao PP “o desmantelamento continuo do estado do benestar que están levando a cabo coas súas políticas neoliberais ao dictado da Unión Europea” e manifestoulle a Elena Candia que “o BNG é insubmiso a esas políticas que atacan ás maiorías sociais, políticas que foron castigadas pola cidadanía o pasado domingo”.
Acceso ao litoral de Barreiros e Ribadeo
O Pleno Provincial celebrado este martes rexeitou una moción presentada polo Grupo Provincial do Partido Popular relativa á mellora dos accesos ás praias de Barreiros e de Ribadeo, na que solicitaban una mellora en ditas infraestruturas viarias.
O vicepresidente da institución provincial invitou ao Grupo Provincial do Partido Popular a apurar aos seus compañeiros do Concello de Barreiros a facer o Plan Xeral de Ordenación Municipal, “para poder valorar a rede viaria e poder deseñar un proxecto de mellora neses accesos, para non cometer os mesmos erros que Cacharro Pardo durante o seu mandato na institución provincial, que deixou previsto un plan valorado en 50 millóns de euros para esta mellora viaria, que non contemplaba o custe da expropiación de terreos, e para o que non deixara prevista ningunha partida económica”.
Mantense o proxecto de construción e xestión dun centro de atención da terceira idade en Guitiriz
O pleno celebrado hoxe tamén rexeitou outra moción presentada polo PP relativa ao cumprimento do convenio relativo á construción e xestión dun centro de atención da terceira idade en Guitiriz.
En palabras de Mario Outeiro “resulta cando menos curioso que a sensibilidade que amosa o Grupo Provincial do Partido Popular coa terceira idade coa presentación desta moción non sexa extensible a toda a cidadanía por parte dos seus compañeiros de partido tanto na Xunta como no Estado”.
Así, o portavoz do BNG na Deputación lembrou que “o Partido Popular levou a cabo os maiores ataques á terceira idade que se recordan dende a eliminación de axudas no SAF Básico aos concellos de menos de 20.000 habitantes dende 2011, ata a supresión do servizo de Teleasistencia Domiciliaria por parte do Ministerio dende 2012, ou a perda de poder adquisitivo dos pensionistas coa imposición de copagos en materia de Sanidade”.
Para finalizar a súa intervención, Mario Outeiro convidou ao Partido Popular a cinguirse ao convenio asinado no 2011, a pór as facilidades necesarias para que se leve a cabo este proxecto, axilizando a licenza urbanística e facer de intermediarios coa Xunta de Galiza co fin de que una vez se materialice este proxecto o custe mensual para as veciñas e veciños sexa o máis asequible posíbel.