Cervo, 10 de maio de 2014- O Concello anunciou este sábado que a Deputación tentou cobrarlle dúas veces polo mesmo concepto. En concreto, o Goberno Provincial esixía o pagamento duns 9.000 euros polo imposto do IAE que o Concello xa pagara anteriormente. Desta maneira, explica a edil de Facenda, Yolanda Pedreira, “a Deputación reclamábanos uns cartos que nós xa lles déramos”.
Un dobre intento de cobro que o Concello detectou de inmediato e contra o que presentou unha alegación. A Deputación, despois de varios meses, estimou a reclamación na que se explicaba de forma detallada o cobro duplicado. O escrito no que o Goberno Provincial informaba da aceptación da alegación entrou esta semana por Rexistro.
A edil de Facenda quixo facer unha valoración do acontecido: “A Deputación recoñeceu que intentara cobrar dúas veces os 9.000 euros ao aceptar a nosa alegación”. Pero para Pedreira o realmente grave é que “dende o Concello temos que estar moi atentos aos cálculos que fan dende a Deputación” e lamenta que “se o Concello non levase as súas contas ao día, tería pagado 18.000 euros ao Goberno Provincial en lugar dos 9.000 que lle correspondían”.
A responsable de Facenda explica que o funcionamento da Deputación é semellante ao das empresas eléctricas, xa que “hai que vixiar de forma moi minuciosa cada céntimo que nos piden”. “Coas eléctricas ocorre o mesmo: os consumidores temos que estar analizando as facturas para evitar que nos cobren de máis” remata Pedreira.