Por iniciativa da Deputación de Lugo o próximo xoves 8 de maio impartiranse en Burela dous cursos sobre novas tecnoloxías para maiores de 55 anos.
A cada curso correspóndelle unha acción formativa. Este xoves desenvolveranse dúas accións formativas prácticas de cinco horas de duración cada unha. As persoas interesadas poderán elixir entre a realización de aprender a utilizar eficazmente os buscadores ou a aprender a comunicarse por e-mail.
En cada un dos cursos tamén se comentarán e se realizarán o maior número posible de actividades e recursos relacionados coas novas tecnoloxías, como usar Internet para aprender, comprar ou pedir cita no médico; aprender a empregar o móbil e as cámaras dixitais, ou mellorar a memoria e a coordinación coas TIC .
Para participar nestes cursos a Deputación e Concello de Burela ( que está colaborando nesta iniciativa) invitaron a diferentes colectivos locais como, por exemplo, a Asociación de Amas de Casa, Xuntanza, A Moncloa, etc. En cada sede dos diferentes colectivos hai follas para apuntarse e elixir a acción formativa. O prazo remata o mércores día sete e os cursos serán impartidos nas aulas que o Concello ten nas antigas instalacións de Expomar.
A Deputación organiza esta programación destinada ás persoas maiores deste Concello para contribuír na mellora da súa calidade de vida, aumentar a súa autonomía e mellorar as súas capacidades cognitivas e funcionais. Deste xeito, as TIC axudan a corrixir as posibles desigualdades sociais.
“Estes cursos e obradoiros, que son gratuítos, están financiados nun 80% con Fondos Europeos. E intención da Deputación ofertar estas accións formativas noutros concellos da Mariña se hai demanda”, asegura Alfredo Llano García, Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación.