Lugo, 1 de maio de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
convoca o XX Certame de narración e debuxo infantil para celebrar o día das Letras Galegas, destinado a escolares de ata 16 anos e que organiza a Biblioteca Nodal en coordinación con máis dunha vintena de bibliotecas públicas da provincia.
O prazo para presentar os traballos remata o vindeiro día 9 de maio. Os interesados poden entregar todos os traballos que desexen, na modalidade de debuxo, na de redacción ou en ambas. Cada biblioteca elixirá aos gañadores da fase local, que competirán na fase provincial que se dirimirá na Biblioteca Nodal de Lugo.
Esta será unha das citas máis salientables do programa de actividades da Biblioteca Nodal, que se abre este venres coa actividade infantil Lobo, lobo, para nenos e nenas de 3 a 7 anos, con Elefante Elegante.
O venres 9 terá lugar un obradoiro de marionetas en papel para escolares de 6 a 12 anos, dirixido por Viravolta; o 23 celébrase o Día Mundial da Diversidade Cultural, para o cal os nenos e nenas de 4 a 12 anos están invitados a realizar un caderniño animado que lles axudará a comprender de xeito práctico a diversidade. O venres día 30 resérvase para os máis pequenos, de 0 a 3 anos, cunha actividade de contacontos a cargo de Sherezade Bardaji. Todas as actividades comezan ás seis da tarde e é preciso apuntarse con antelación.
O día 23, ás seis da tarde, impartirase tamén na biblioteca unha charla titulada “Recursos educativos na internet para meus fillos”, para que os pais coñezan a mellor maneira de controlar o que os fillos fan na web e darlles pautas e opcións útiles e atractivas, coas que non só ocupan o tempo de uso informático, senón que reforzan e axudan a ampliar os seus coñecementos. Mantéñense as citas habituais dos clubs de lectura e mesas de conversa, e o café filosófico deste mes será o martes 27, sobre a Intelixencia emocional.
O centro presenta durante este mes unha exposición dos alumnos de gravado e técnicas de estampación da escola de artes Ramón Falcón, de Lugo, e mostras bibliográficas sobre Xosé María Díaz Castro, o autor homenaxeado na presente edición das Letras Galegas, Cómo aprobar un examen? e, na sala infantil, A vida? Con moito humor.
Así mesmo, entre os días 13 e 18 de maio a Biblioteca Nodal despregará unha intensa actividade na Feira do Libro de Lugo.