Lugo, 2 de maio de 2014. O delegado de Cultura e Turismo e portavoz do BNG na Deputación de Lugo, Mario Outeiro, anunciou, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da institución provincial, o rexeitamento e oposición da Vicepresidencia da Deputación ás políticas neoliberais que está a exercer actualmente o Partido Popular dende o Estado e dende a Xunta de Galiza, “institucións que traballan para a Troika e para o grande capital financeiro, esquecéndose por completo dos sectores máis vulnerábeis da sociedade”.
Unha liña política, a do PP, que en palabras de Outeiro “está a esmagar moitos dos dereitos laborais conquistados polas traballadoras e traballadores ao longo de moitos anos e que tanto esforzo levou conseguir; ao mesmo tempo que despreza os nosos sectores produtivos, como a día de hoxe está a ocorrer coa pesca ou a madeira, principais motores da economía do noso país”.
Segundo datos recentes facilitados polo INE, preto de 300.000 galegas e galegos están en situación de desemprego, dos cales, segundo o Servizo Público de Emprego, preto de 28.000 son lucenses, unha cifra que leva implícito o incremento de 16.000 persoas paradas máis no primeiro trimestre de 2014, e o que se traduce en menos dun millón de persoas empregadas en Galiza. Consecuentemente, incrementouse nun 6%, respecto ao último trimestre de 2013, o número de fogares galegos con todos os seus membros en paro, o que representa 5.600 fogares máis nesta situación.
Así mesmo, Mario Outeiro fixo referencia aos datos de desemprego xuvenil precisando que “a cifra de desemprego xuvenil é devastadora, xa que a día de hoxe se sitúa en preto de 80.000 desempregadas e desempregados só en Galiza. Neste sentido, non hai que esquecer que máis de 118.000 mozas e mozos galegos emigraron ao estranxeiro nos últimos cinco anos, polo que de contabilizarse as persoas menores de 34 anos que tiveron que marcharse do país por falta de oportunidades, as listas de desemprego xuvenil engrosaríanse de forma aberrante”.
“Saír da crise é posíbel sen extorsionar ás cidadás e aos cidadáns de a pé. Pódese acabar con esta situación incrementando o investimento público en servizos e infraestruturas, cunha banca pública de noso e empresas públicas que xestionen sectores estratéxicos como a enerxía, as telecomunicacións ou a vivenda, sen esquecer a mellora dos salarios e das condicións laborais” – concluíu o delegado.