O martes 27 de maio tivo lugar na biblioteca do IES Perdouro de Burela o acto de clausura dos VI Encontros de Banda Deseñada na Mariña así coma a entrega de premios.
O debuxante santiagués, Fran Bueno, foi o invitado de excepción na clausura dos sextos Encontros de Banda Deseñada na Mariña que se celebraron no IES Perdouro de Burela.
Fran Bueno é un debuxante con gran proxección internacional xa que foi o primeiro autor galego en traballar profesionalmente no sector comercial do cómic estadounidense. Ademais ten no seu aval o prestixioso premio Castelao de cómic 2013 convocado pola Deputación da Coruña.
Durante a súa intervención, Fran Bueno falou do seu día a día como debuxante de cómic e explicou ao seu público a importancia da lectura da imaxe. Falou da relevancia do trazo, do grosor das liñas, das sombras. Repasou o proceso de creación dunha viñeta dende o debuxo, o entintar, o feito de colorear e sen esquecer os globos, ferramenta que intensifica en moitos casos os tonos en que falan os personaxes. En resumidas contas, unha imaxe é un conxunto de curiosidade que ten como único obxetivo emocionar ao lector de banda deseñada. O artista soupo captivar a atención de todo o público que se viu inmerso no apaixoante mundo da viñeta. Como broche final, o recoñecido debuxante fixo un simpático debuxo dedicado ao alumnado do centro.
A continuación da conferencia, procedeuse á entrega dos premios aos gañadores e gañadoras das distintas categorías no concurso de creación de banda deseñada que se convoca cada ano.
Abriu o acto de entrega o director do IES Perdouro, Santiago J. Pérez. E o Tenente Alcalde do Concello de Burela, Manuel Fernández, a edila de Cultura, Mónica Pedre, xunto co debuxante foron os encargados de entregar os premios e diplomas aos gañadores do certame de Banda Deseñada que nesta ocasión foron para os alumnos e alumnas do CEIP de Cervo, do IES María Soliño de Cangas do Morrazo, do IES Xunqueira I de Pontevedra e, na categoría libre, para participantes de Pontevedra e A Coruña.
Pechou o acto o Tenente Alcalde felicitando e agradecendo iniciativas educativas de índole creativa como esta.