Viveiro, 17 de xuño de 2014.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, realizará a mellora do firme da estrada LU-540 nun treito de 700 metros da travesía de Viveiro, dende a Porta de Carlos V ata a ponte do ferrocarril, que serve como inicio da zona de Xunqueira.
A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitou hoxe o espazo acompañada polos técnicos do departamento autonómico e indicou que este proxecto ten por obxecto renovar e homoxeneizar a capa de rodadura da vía a fin de incrementar a seguridade viaria da estrada.
Co proxecto beneficiarase directamente aos máis de 16.000 habitantes do concello vivariense, así como aos milleiros de usuarios que empregan esta vía, entrada natural dende Lugo ata esta parte da costa da Mariña, para achegarse á localidade de Viveiro e aos concellos limítrofes, caso de Cervo, O Vicedo e Xove, expuxo Arias.
O proxecto, que será realizado con cargo á anualidade 2014 dos contratos de conservación da zona norte da provincia de Lugo, suporá un investimento de arredor de 70.000 euros por parte do Executivo autonómico.
Nos 400 metros deste treito que van dende a Porta de Carlos V ás inmediacións do antigo Cine Orfeo, a empresa que executou a instalación da canalización do gas, unha vez rematada esta, tamén procedeu a realizar os traballos de renovación do firme, pero só da zona afectada pola devandita instalación, polo que tal renovación centrouse únicamente na beira esquerda.
Detalles técnicos
Deste xeito, coa actuación que se prevé agora, a Xunta actuará na totalidade do tramo, renovando e homoxeneizando por completo o firme da calzada no tramo. Segundo as valoracións dos técnicos, Arias explicou que a rehabilitación consistirá, nunha primeira fase, na retirada, mediante fresado, do firme existente nos puntos onde o pavimento presenta un estado deficiente na metade dereita da calzada neses 400 metros referidos e facendo o mesmo proceso para todo o ancho da vía nos 300 metros restantes ata a ponte do ferrocarril.
A continuación, procederase á reposición do firme con rego de mestura bituminosa en quente cun espesor de seis centímetros. Este tipo de material presenta unha elevada capacidade resistente, ademais dunhas excelentes características de adherencia neumático-pavimento.
Así mesmo, está previsto reacondicionar os pasos de peóns sobreelevados existentes neste treito para adaptalos á orde FOM/3053/2008, normativa que regula as instrucións destes redutores de velocidade.
Todos estes traballos de rehabilitación estrutural complementaranse coa correspondente execución das actuacións de repintado da sinalización e as bandas laterais de aparcamentos.