Burela, 10 de xuño de 2014. O alcalde, José Mª González Barcia, o concelleiro de Obras, Manuel Fernández Valle, e o xefe provincial de Costas, José Miguel Esteban Dolls, supervisaron este martes os traballos que este departamento está a realizar para subsanar os danos causados polos temporais do inverno.
O rexedor explicou que “as obras no espigón da Marosa xa remataron. Só aí se investiron 120.000 euros e se meteron 2.500 metros cúbicos de pedra. Son dúas cifras moi importantes tanto a nivel de material como de inversión. Xa no paseo da Marosa os traballos están a piques de rematar. Houbo que levantar un murete nas inmediacións do areal”.
González Barcia contou que “en Ril está pendente o arranxo da rampa de acceso para minusválidos, que se construíu hai dous anos e que quedou destruído polos temporais do pasado inverno. Tamén se acometerán melloras no Cantiño”.
O alcalde burelés amosouse satisfeito “de que as obras se vaian rematando pouco a pouco. A finais desta semana a maioría deses traballos estarán listos. Xa para a vindeira nas praias de A Marosa e O Portelo haberá maquinaria pesada para repasar o perfil da area e en breve procederemos a colocar todo o material habitual das praias na época estival”.