LUGO, 20 DE XUÑO DE 2014.- O eurodiputado socialista do PSdeG-PSOE, José Blanco, acompañado do secretario Provincial, Juan Carlos González Santín, asegurou este venres, na que foi a última rolda de prensa como deputado por Lugo, que será “a voz de Galicia” no Parlamento Europeo. E para elo, comprometeuse a impulsar e a defender os sectores estratéxicos da provincia e da Comunidade, co fin de garantir a cohesión social e a igualdade de oportunidades.
O eurodeputado agradeceu o apoio recibido dos lucenses e dos compañeiros de Partido tanto a nivel autonómico, estatal, provincial e local ao longo de todo este tempo. “Atrás queda unha etapa, na que estaba na primeira liña da política, e da que lembro, sobre todo, a miña época como deputado. Despois pasei á dirección federal do Partido e xa como ministro, o ex presidente Zapatero deume a oportunidade de ser protagonista dun proxecto co que fomos capaces de ilusionar ao noso país. Durante esta etapa puiden volcarme por Galicia porque o máis importante é poder exercer como galego sempre”.
Deste xeito, lembrou que en tan só 2 anos e medio, dende o Ministerio de Fomento se levaron a cabo actuacións que marcaron un antes e un despois no desenvolvemento económico e territorial de Lugo. Neste senso, puxo como exemplo o proxecto do CETAL, tan cuestionado estes días nos medios de comunicación. “Esta era unha iniciativa importante, naceu dun compromiso e creo que non se debe deixar morrer. Melloramos as infraestruturas nun tempo récord e deixamos encamiñados proxectos irreversibles”, afirmou.
O último acto como deputado por Lugo
A proclamación de Felipe VI como novo Rei de España constituíu o último acto ao que acudiu como deputado pola provincia de Lugo, responsabilidade que exerceu desde 1996. Tal e como indicou, agora abre un tempo novo, “o da defensa dos intereses da nosa terra no Parlamento Europeo porque en Europa se toman decisións moi trascendentes”.
En relación á sucesión na Xefatura do Estado, Blanco sinalou que a nova xeración deberá acometer reformas necesarias e en profundidade para poder sentar as bases dun novo período de progreso e de convivencia en liberdade. Trátase, dixo, do mesmo proceso que está a vivir nestes momentos o Partido Socialista. “Temos que recuperar o liderado político do país para retornar a un proceso de igualdade e volver a liderar un cambio político en España”.
O vindeiro día 1 de xullo, José Blanco tomará posesión do seu cargo na Cámara de Bruxelas. A acta de deputado por Lugo será ocupada por Margarita Pérez Herraiz; unha socialista que, en palabras do europarlamentario, “fará un excelente traballo e comprometido con esta circunscrición”.
“Político de feitos, non de palabras”
Pola súa banda, o secretario Provincial desexoulle ao deputado socialista moito éxito nesta nova etapa. González Santín subliñou que “a política son feitos, non palabras. E cando se fala de ti é sinxelo, porque as túas palabras sempre estiveron acdompañadas de feitos”.
Con estas afirmacións, o dirixente dos socialistas da provincia referíase a que foi o ministro que máis investiu en Lugo e en Galicia en toda a historia, traendo para esta provincia máis de 1.000 millóns de euros, un 30% máis do que investiu o PP cando tivo as mesmas responsabilidades. Asimesmo, indicou que, grazas ao socialista de Palas, “a cidade mellorou as súas entradas e as súas comunicacións e, por que non dicilo, hoxe os lucenses temos unha ponte propia do século XXI”. O secretario Provincial tampouco quixo esquecerse de que foi o impulsor do AVE a Galicia; “proxecto que, por certo, se encargou de paralizar o Partido Popular nada máis chegar ao Goberno”.
Juan Carlos González Santín amosou publicamente o seu convencemento de que José Blanco seguirá cumprindo en Europa coa súa obriga e de que co seu traballo potenciará os sectores estratéxicos desta provincia: agricultura, a gandeiría e a pesca.