A casa real, na actualidade
Borbón e conta nova. Comezamos unha nova xeira. Iste (o Rei ) vaise, e aquel (Rubalcaba) vaise, e todos, todos? se van (Durán e Lleida…).
É importante botar una ollada ao estado actual da casa real no Estado español. E a verdade é que a realidade reflicte que, no bienio negro do goberno Rajoy, o número de fogares nos que todas as persoas están desempregadas chegou ao seu cumio desde que o INE elabora a Enquisa de Poboación Activa: 2 millóns de casas reais; tan reais como a vida mesma. Un triste record en medio século, nun Estado no que os futbolistas da selección española seica van cobrar 750.000 euros de prima (¡si, cada un!) se quedan campións do mundo, maís do dobre, por exemplo, que en Alemaña, cando ben sabemos a gran fenda que hai entre os nosos salarios medios e os deles.
A reforma laboral que recortou dereitos básicos da poboación traballadora … e seica ía ser a solución ao gravísimo problema do desemprego, resulta que trouxo en Galicia unha suba do 24% de persoas que queren traballar e non atopan emprego, de decembro de 2011 (xusto antas da aprobación da reforma laboral) a decembro de 2013.Si, 54.407 desempregados máis na nación; nese bienio, cada día 74 habitantes de Galicia perderon o seu emprego (ou, se prefiren, 3 por cada hora que transcorreu).
Bourbon?: O dereito a decidir
Bourbon, ademais de cómo coñecen en Francia á dinastía real que comezou alí en 1589 e se estendeu despois ao Estado español, é un whisky feito de millo (ou de millo mesturado con centeo e cebada).
Bourbon para todos? Penso que non é xusto, que debemos respectar o dereito a decidir (individual e colectivamente).
Uns preferirán licor café, outras,licor de herbas e, se cadra, algúns absteranse de beber alcohol. Penso que non é bo aplicar o “trágaa”; se cadra, un exemplo do mundo da música axúdanos a entender o asunto: por que vai gobernar sen que o votemos Camilo Sexto de España … e Quinto de Alemaña? Se cadra só recollen os votos do sector aos que gusta Julio Iglesias, especialmente o seu: “La vida sigue igual”.
Proveedores da casa real
Eu, que de política tampouco entendo (para que vexan que a miña ignorancia non se centra só na economía) volvo, para rematar o artigo, ao terreo que da nome a este “recuncho”, no que, con todo, me desenvolvo algo mellor.
A casa real ten aquí e agora unha notable falla de provedores. Non chegan nin os subministros máis básicos a miles e miles de familias, que teñen que botar man do labor de institucións creadas pola cidadanía solidaria , como as cociñas económicas, os bancos de alimentos ou Caritas (nas que a Igrexa, por certo, non chega ao 10% das achegas … e o resto apórtao a sociedade civil).
Nas casas reais da nosa sociedade hai miles e miles de rapaces e rapazas que poden facer as comidas mínimas que necesitan grazas ao labor dos comedores escolares, que van abrir tamén no vran en varias comunidades autónomas, porque do contrario moitas familias non poden garantir a nutrición dos seus membros.
De cando, hai anos vin a película “El rey león” coa miña filla ¿fará outra Disney sobre o rei elefante? lembro o pegadizo estribillo de: “Akuna batata… ningún problema pode facerche sufrir”. Mágoa que en miles e miles de casas reais da nosa sociedade a vida non sexa un conto.
Manuel Roca Cendán.