Burela, 12 de xuño de 2014. Burela precisa unha nova gardería porque na actualidade hai 21 nen@s en lista de espera para acceder a unha praza na actual escola infantil. No pleno celebrado hoxe no Concello aprobouse a adquisición do terreo no que se construirá esa infraestrutura. O alcalde, José Mª González Barcia, pensa que esta é unha boa forma de asentar poboación en Burela e de crear emprego. Na sesión desta mañá tamén se aprobaron modificacións no crédito de pago a provedores.
O rexedor contou que “no pleno extraordinario celebrado no día de hoxe quedou aprobada a solicitude ao goberno central para modificar as condicións financieiras do crédito que tivemos que solicitar no seu día para facer fronte ao pago de 1.300.000 euros en facturas, que o bipartito burelés deixou sen pagar e tamén sen consignación presupostaria. Ata o de agora estamos a pagar un 5’57% de intereses e a partir de agora pagaremos un 4’2%, co cal as condicións son bastante ventaxosas para o Concello. A parte diso o período de carencia que era de dous anos pasa a tres anos, e así liberamos algo máis de 120.000 euros para poder facer algún tipo de investimento, coma por exemplo poder acometer a parte que nos toca da gardería infantil”.
González Barcia explicou que “o PSOE e o Grupo Mixto votaron en contra aludindo a que hai unha terceira opción que é máis ventaxosa para o Concello porque se pagarían menos intereses. Efectivamente si nós optásemos por esa solución aforraríamos no conxunto dos 10 anos aproximadamente uns 35.000 euros, pero non disporíamos desta cantidade de algo máis de 120.000 euros para facerlles fronte a esas actuacións que nós queremos levar a cabo”.
O alcalde subliñou que “as conclusións se melloran substancialmente e nos permite xerar unha liquidez da que antes non podíamos dispoñer. O PSOE e o Grupo Mixto opóñense a que o Concello goce desta liquidez. Esta postura resulta un pouco chocante porque o crédito houbo que pedilo pola súa culpa, para facerlle fronte ás facturas que eles deixaron sen pagar. E agora que traemos unha proposta de modificación das condicións financieiras para melloralas, beneficiando aos veciños de Burela no seu conxunto e ao mesmo tempo xerar liquidez para poder abordar unha obra necesaria para Burela como é a gardería votan en contra. Alá eles coa súa irresponsabilidade”.
O segundo punto da orde do día deste pleno extraordinario foi o relativo á adquisición do solar no que se vai construír a nova gardería. “E aquí o que si que foi a auténtica cerimonia da confusión por parte dos grupos da oposición porque demostraron unha absoluta ignorancia nalgunhas cuestións tan fundamentais coma o plan xeral de ordenación municipal de Burela. No PXOM hai solo dotacional en Vista Alegre e nos Castros, ademais de outras zonas que aparecen en certos puntos do noso casco urbano. O Concello de Burela só dispón de solares propios na unidade de actuación de Torrentes, pero eses solares en base á ordenanza só se permite neles unha edificación pechada, polo tanto non é solo dotacional. Entón si queremos facer a gardería o Concello ten que conseguir solo dotacional e ese solo ten propietarios, co que teremos que negociar cos propietarios”, seguiu a relatar o alcalde.
Críticas ao PSOE
González Barcia entende que “a solución que nos adoptamos é boa e positiva e o que non entendemos é que o señor Llano empezase a sementar dúbidas sobre a legalidade e a transparencia do que estamos a facer. Penso que este señor debería ser bastante máis cauto co que di, e si alguén ten algunha sombra de dúbida sobre algún procedemento administrativo ou legal que se estea a seguir desde o Concello xa sabe o que ten que facer”. E engadiu: “o que non lle imos permitir ao señor Llano baixo ningún concepto é que veña aos plenos do Concello a dicirnos un día si e outro tamén, a insinuar un día si e outro tamén que pode haber cousas escuras, cando encima é mentira e o señor Llano demostrou unha ignorancia absoluta porque non sabía canto custa o solar que se vai adquirir para a gardería e tampouco sabía en canto sae o solar que o Concello pon á venda en Torrentes. Iso sí, o que dixo é que as cantidades son iguais, pero resulta que hai unha diferenza de 45.000 euros. A este señor hai que dicirlle que teña máis coidado co que di, porque senón igual imos ser nosoutros os que vaiamos a onde hai que ir para que alguén lle diga que non se poden levantar insidias e sospeitas, pleno si e pleno tamén. O que lle pedimos é un certo grao de responsabilidade e que cando veña aos plenos traia os asuntos preparados, porque o que demostrou hoxe foi unha absoluta ignorancia sobre os asuntos que se estaban a tratar”.
O alcalde de Burela criticou a falla de alternativas do PSOE e dixo que “a partires de agora o procedemento sigue para adiante porque hai lista de espera na gardería de Burela, hai 21 nenos en lista de espera, e sabemos que hai pais que nin tan siquera inscriben aos seus fillos na gardería porque saben que van quedar fora. O feito de crear unha nova escola infantil se debe a que hai necesidade deste servizo e nós entendemos que hai que asentar poboación en Burela e xerar postos de traballo e isto é unha boa alternativa para facelo”.
González Barcia manifestou que “agora hai que anunciar no DOG o acordo adoptado polo Concello hoxe, a compra do terreo, e despois cando acabe o prazo de exposición pública redáctase o acta de ocupación da finca e ordénase o pago pertinente ao seu propietario”.