Santiago, 18 de xuño de 2014.- A Consellería do Medio Rural e do Mar informa do control do lume forestal rexistrado no municipio lugués de Ribadeo, na parroquia da Devesa.
O lume iniciouse onte ás 19:29 horas e quedou controlado ás 18:05 horas desta tarde. Segundo estimacións provisionais, a superficie afectada está arredor das 20 hectáreas. Nos traballos de control deste incendio levan participado 1 técnico, 6 axentes forestais, 19 brigadas, 8 motobombas, 1 pa, 2 avións e 2 helicópteros.
Controlados lumes Rubiá
Os dous incendios que se rexistraron onte no concello ourensán de Rubiá permanecen controlados dende as 23:40 horas da pasada noite. En ningún dos dous casos o lume afectou ao Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra.
O lume que se iniciou na parroquia da Veiga de Cascallá afectou, segundo estimacións provisionais, a unha superficie de 47,96 hectáreas, das cales 43,46 son de monte raso e o resto arborado. Nos traballos de extinción levan participado 5 axentes forestais, 11 brigadas, 3 motobombas, 6 helicópteros e 2 avións.
O incendio rexistrado na parroquia do Porto afectou, segundo estimacións provisionais, a unha superficie de 83,75 hectáreas de monte raso. Nos labores de extinción levan traballado 4 axentes forestais, 11 brigadas, 3 motobombas, 6 helicópteros e 2 avións.
A Consellería do Medio Rural e do Mar lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.