Ribadeo, 24 de xuño de 2014.- Comezaron as obras de construción da residencia de maiores de Ribadeo. Na tarde deste martes celebrouse un acto nos terreos que ocupará ese inmoble na rúa Francisco Lanza ao que asistiron o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga; a concelleira de Servizos Sociais, Teresa González; o alcalde, Fernando Suárez; membros da plataforma pro residencia de maiores; concelleiros da Corporación Municipal e veciñ@s de Ribadeo.
Na quenda de intervencións o alcalde, Fernando Suárez, sinalou que “hoxe pasamos das palabras aos feitos, das palabras e dos compromisos por escrito que se viñeron adoptando nestes últimos tempos, aos feitos reais de ver como as máquinas, como os obreiros, como os traballadores van converter dentro de moi poucos meses o que era un espazo totalmente abandonado nunha das mellores residencias da comarca da Mariña”.
O rexedor lembrou que “foron moitos anos de loita, de xuntanzas, de viaxes, dunha mobilización que contou co apoio de máis dun milleiro de persoas, que saíron á rúa para demandar esta instalación, e que nos deron o aliciente e o acicate para que isto poida ser unha realidade”.
E subliñou que “este día, ao igual que xa o foi o pasado 28 de novembro cando demos a coñecer o apoio da Deputación de Lugo a esta infraestrutura, é unha das xornadas máis especiais da miña vida política. É unha enorme emoción para min, para os meus compañeiros de goberno e eu creo que o fago extensivo para todos os membros da Corporación. Por fin despois de moitos anos co esforzo de todos, vamos ter unha residencia de maiores en Ribadeo”.
Necesidade innegable
Pola súa banda, a concelleira de Servizos Sociais, Teresa González Piñeiroa, dixo que “esta residencia de maiores de Ribadeo chega porque foi e é unha demanda das veciñas e dos veciños deste concello. É unha necesidade innegable. Iso quedou demostrado no estudo que realizamos desde o departamento dos Servizos Sociais hai xa moitos meses e que nos deixou conclusións incuestionables, que lles fixemos chegar á Deputación de Lugo e á Xunta. O dato que máis nos conmoveu a todos foi o número de persoas de máis de 80 anos que naquel momento vivían soas, en Ribadeo, non só na vila, senón nas parroquias, no espazo rural, onde contamos cun poboamento moi disperso. Esas cifras mudaron, pero seguen a ser moi importantes na actualidade”.
A edil nacionalista seguiu a relatar na súa intervención que “outro dato que recolleu ese estudo é que as pensións dos nosos maiores son das máis baixas de todo o Estado. Tamén se fixo fincapé nos cambios sociais que se produciron nos últimos anos, coa incorporación da muller ao mundo laboral. Os roles cambiaron e as mulleres traballan, ao igual que os homes, fora da casa e non poden coidar dos seus maiores e dos seus fillos como o facían hai décadas. E nese informe tamén reflectimos a cantidade de persoas maiores de Ribadeo que se atopaban en residencia a moitos quilómetros da súa terra, das súas familias, dos seus amigos…”.
González Piñeiroa engadiu que “a nosa máxima foi: unha residencia en Ribadeo, para Ribadeo e a prezos asequibles. Transmitir estas ideas para que todos cresen nelas foi o noso reto e este equipo de goberno está moi satisfeito porque foi un éxito. Hai que subliñar a unidade veciñal, a unidade dos grupos políticos da Corporación Municipal e a unidade coa que traballamos desde o departamento de Servizos Sociais do Concello. Todos xuntos loitamos por unha necesidade que hoxe, 24 de xuño de 2014, comeza a converterse en realidade”.
José Mª Rodríguez, portavoz da plataforma veciñal pro residencia de maiores, agradeceu o traballo realizado polo alcalde, pola concelleira de Servizos Sociais, polo vicepresidente da Deputación de Lugo e polos portavoces dos grupos municipais con representación no Concello, “antepoñendo todos eles os intereses dos veciños de Ribadeo por riba dos intereses lexítimos dos seus partidos políticos”.
Rodríguez subliñou a achega económica da Deputación de Lugo para levar adiante esta obra e a sensibilidade do seu vicepresidente para apoiar aos veciños de Ribadeo e engadiu: “gustaríame tamén, e así o espero, poder agradecer algún día no nome dos veciños de Ribadeo á Consellería de Traballo e Benestar da Xunta, primeira responsable do benestar dos anciáns, a súa prometida colaboración con nós neste proxecto social”.
Financiamento por parte da Deputación
O vicepresidente da Deputación e responsable da área de Benestar Social da institución provincial, Antonio Veiga, que participou no acto de comezo das obras afirmou que “Ribadeo e os seus cidadáns merécense esta infraestrutura social tan necesaria e pola que levan tanto tempo loitando” e dixo que “o compromiso da Deputación con Ribadeo e co benestar social da súa xente é total e demostrase nesta actuación, que será financiada pola área de Benestar Social da Deputación de Lugo”.
A Xunta de Goberno da Deputación efectivizou o pasado mes de novembro o seu compromiso coa construción da residencia da terceira idade de Ribadeo anunciando a aprobación do investimento no proxecto de 1.828.000 euros que se concretarán en catro anualidades até 2016 (no orzamento de 2013 consignouse para a residencia da terceira idade de Ribadeo unha subvención excepcional de 528.000 euros, no orzamento de 2014 reserváronse 500.000 euros para o mesmo fin, e estableceuse unha previsión de crédito de 600.000 euros para 2015 e de 200.000 para 2016).
Modelo de residencia pública
Veiga afirmou que “o noso compromiso co benestar é innegable. Ten que ser a Deputación quen asuma a construción desta infraestrutura cando é a Xunta quen ten as competencias na materia”, denunciou. “Investir en políticas sociais–continuou o vicepresidente da Deputación–é primordial en Galiza e en particular en Lugo, dado o grao de avellentamento da nosa poboación e as circunstancias que viven os pensionistas do país, cunha pensión media mensual de 721,78 euros, mentres no resto do Estado a media é de 858,1 euros mensuais; pensións ás que, ademais, debemos restar os diferentes copagos implantados polo Partido Popular no eido sanitario nos últimos dous anos, e que deixan unha marxe mínima para levar unhas condicións dignas de vida”.
Veiga denunciou que “a Xunta de Galiza desatende as súas obrigas en materia de benestar social” pero dixo que “co apoio do Partido Popular ou sen el, Ribadeo terá residencia da terceira idade”. “E será unha residencia pública–destacou Antonio Veiga–que é o modelo que nós defendemos fronte ás residencias privadas”.
O vicepresidente da Deputación destacou que esta residencia non só dará servizo a Ribadeo, senón tamén a concellos limítrofes. Esta infraestrutura, que está previsto construír na parcela onde se atopan as antigas vivendas de profesores e un dos inmóbeis colindantes, entre as rúas Paco Lanza e Alfredo Deaño, supón un investimento aproximado de 2,3 millóns de euros e está deseñada para atender a entre 44 e 46 usuarios e usuarias.
O acto celebrado nos terreos nos que se constrúe a residencia de maiores rematou co soterramento dunha caixa na que ían un exemplar da Voz de Galicia e do Progreso do día de hoxe, o número da Comarca del Eo do pasado sábado, o acordo plenario correspondente, e unha escolma que a plataforma veciñal fixo de todo o percorrido que tivo esta infraestrutura ao longo dos tres últimos anos. A continuación, e coa axuda de dúas palas, os participantes no acto e boa parte dos asistentes procederon a cubrir de terra dita caixa.