A Mariña. – 20 de xuño de 2014.- MariñaPatrimonio recoñece e valora moi positivamente os resultados das negociacións levadas a cabo pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, que conseguiron a volta das valiosas pezas de ourivería prerromana ao Museo Provincial de Lugo. Estas pezas constitúen un símbolo moi salientable da nosa cultura e teñen unha especial relevancia para a comarca da Mariña, de onde procede unha boa parte desta colección.
O pasado decembro as asociacións Cultura do País, ADEGA, Buril e MariñaPatrimonio organizabamos un roteiro pola Mariña para reivindicarmos a volta da colección de Álvaro Gil e, asemade, reivindicabamos a defensa de varios xacementos arqueolóxicos da nosa comarca, que son outras xoais do noso patrimonio. Hoxe MariñaPatrimonio felicita a Área de Cultura polo seu magnífico labor e agardamos que algún día poidamos tamén felicitar a Consellería de Cultura da Xunta cando, por exemplo, inclúan no Inventario a mina de ouro da Espiñeira e cando consoliden e protexan Estabañón, a Roda de Barreiros ou o Hipocausto de Burela.